Pola segunda vez a Concellaría de Turismo do Concello da Guarda ofrece un novo curso gratuíto para a formación de camareiros/as de bares e restaurantes, no que participan un total de 15 alumnos e alumnas nas instalacións de Informática San Benito. O obxectivo principal é formar a novos camareiros, algo esencial de Ler máis
Por segundo ano a Concellaría de Turismo do Concello da Guarda ofrece un novo curso gratuíto para a formación de camareiros/as de bares e restaurantes, no que participan un total de 15 alumnos e alumnas nas instalacións de Informática San Benito.
O obxectivo principal é formar a novos camareiros, algo esencial de cara á profesionalización dun sector tan importante para A Guarda como é o turismo e a Hostalaría, ofertando a veciños e visitantes un servizo de calidade e profesional.
A programación está deseñada para que as persoas participantes adquiran as nocións básicas na adecuación do local, reposto do material, servizo de alimentos e bebidas en mesa e barra, e atención ao cliente no servizo de restaurante e bar.

O curso terá unha duración total de 80 horas. das cales, 40 horas estarán destinadas á formación teórica e práctica como a montaxe de mesas e ambientación da sala, identificación e limpeza dos utensilios e menaxe, preparación de alimentos e bebidas seguindo as normas de manipulación e hixiene alimentaria, incluíndo tamén formación en alérxenos e manipulación de alimentos. Polo que ao finalizar, o alumnado tamén recibirá o diploma de manipulador/a de alimentos. Ademais esta formación completarase coas indicacións en alérxenos. Esta formación realízase os sábados pola mañá de 9.00 a 14.00h. e realizarase unha formación “insitu” nas instalacións do Hotel O Muíño.
Esta formación completarase con outras 40 horas de formación práctica non laboral en bares e restaurantes da Guarda, axustadas segundo o perfil e necesidades de cada alumno.
O pasado sábado o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes, visitaron aos alumnos e alumnas na segunda xornada deste curso, no que aproveitaron para dar ánimos e convidar a complementar a súa formación con este tipo de cursos, de cara a poder ofertar un servizo de calidade nos diferentes bares e restaurantes do municipio.
