5 PLANS PARA DESCUBRIR A GUARDA

31 de marzo de 2021·Por A Guarda Turismo11 minutos de lectura
Noticias Turismo

A oferta patrimonial e natural é moi variada e propuxéronse 5 plans para descubrir A Guarda. Estes plans están organizados por temática para que os visitantes poidan descubrir en detalle segundo a súa preferencia. Ademais dos 5 plans para descubrir unha boa opción é combinar a visita coñecendo a nosa gastronomía e a nosa sobremesa Ler máis

A oferta patrimonial e natural é moi variada e propuxéronse 5 plans para descubrir A Guarda. Estes plans están organizados por temática para que os visitantes poidan descubrir en detalle segundo a súa preferencia.

Ademais dos 5 plans para descubrir, unha boa opción é combinar a visita coñecendo a nosa gastronomía e a nosa sobremesa de renome, a rosca de xema.

Descubrimos en detalle o que non te podes perder en cada plan:

PLAN 1: MONTE SANTA TREGA

O Monte Santa Trega é un referente polos seus valores patrimoniais, relixiosos e paisaxísticos:

Castro de Santa Trega

É a mostra da cultura castrexa máis importante do noroeste peninsular e a propia estrada de acceso cruza. Recoméndase estacionar uns metros despois diante da Casa Forestal (de pedra). Dende alí pódese contemplar a área escavada do castro e dúas casas reconstruídas.

A súa extensión supera as 20 hectáreas e considérase unha citania xa que foi habitada por máis de 4.000 persoas, o que implica unha importante urbanización do espazo. Actualmente está ao descuberto menos do 20% do castro e a parte mellor conservada na zona norte xunto ás casas reconstruídas.

MASAT
Aberto de martes a domingo. Horario de primavera: 10:00 a 20:00h.

O Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT), situado no cumio do monte, consérvanse os vestixios atopados ao longo das escavacións, como fíbulas, botóns, empuñaduras, moedas ou diversos obxectos líticos e cerámicos das diferentes épocas e culturas: Bronce, Castrexa e Romana. Destaca a colección de labras e esvásticas, elementos de pedra quizais con fins de protección na cultura Castrexa.

Patrimonio relixioso
A poucos metros da Casa Forestal comezan os dous Vía Crucis (artístico e antigo) ata chegar á Capela de Santa Trega. Diante da capela localízase o Cruceiro de San Francisco.
Unha boa opción é estacionar na Casa Forestal e coñecer o resto do monte camiñando pola senda uns 10 minutos.

PRG 122 Camiños do Trega
Esta ruta homologada ofrece unha ruta semicircular comezando na Casa Forestal e 6 sendas máis que están unidas entre si e cunha distancia total de 7,7 km. Estas sendas permiten coñecer a riqueza histórica e paisaxista lentamente e co máximo respecto a este legado.

Excelente miradoiro
Un excelente recordo son as vistas panorámicas á desembocadura do río Miño, Portugal, o Océano Atlántico e o val do Rosal. Calquera lugar ofréceche unha perfecta vista pero destacan as panorámicas dende os dous picos do monte:
.Pico do Facho: ofrece unha excelente panorámica ao Castro de Santa Trega, ao casco urbano e porto pesqueiro, só terás que subir unhas cantas escaleiras.
.Pico de San Francisco: é o máis elevado e localízase o MASAT ofrece case unha panorámica completa pero destaca a vista á desembocadura do Miño.

Atardecer dende o cumio
As vistas panorámicas dende o monte poténcianse ao atardecer cando o sol desaparece na inmensidade do océano. Moitos visitantes escollen este momento para capturalo.

 

PLAN 2: PATRIMONIO MARÍTIMO

A Guarda é un pobo mariñeiro que foi medrando en torno ao porto pesqueiro. Unha boa opción é estacionar no porto pesqueiro e percorrer a costa tranquilamente descubrindo este patrimonio:

Porto pesqueiro
Conserva o seu carácter coas fachadas das casas mariñeiras, estreitas e de gran colorido. No dique sur obsérvanse as tarefas diarias dos mariñeiros, a súa chegada a porto e, mesmo, pódese asistir á venda de marisco e peixe na lonxa os días laborables.

Ademais hai varios monumentos que fan referencia á vida e sufrimento no mar.

Museo do Mar
Aberto fins de semana e festivos. Horario de inverno (ata o 15 de xuño): 11:00 a 14:00 e 16:00 a 19:00h.

Ao final do paseo marítimo sitúase unha pequena fortaleza circular reconstruída en 1997. O edificio orixinal construíuse no outro dique polos portugueses no s. XVII. Empregouse durante séculos como elemento de defensa ante os ataques piratas. Aparece reproducida no escudo da Guarda dende 1844.
O Museo do Mar acolle dúas coleccións museísticas: unha etnográfica cunha mostra do antigo traballo no mar da Guarda e outra malacolóxica, cunha selección de conchas de mar do mundo.

Dique norte
A finais de 2018 realizouse unha nova pintada do dique norte con fondo azul en referencia ao mar e con elementos patrimoniais, históricos e naturais representativos da Guarda. Na contorna pódese ver outros exemplos de arte urbana.

Senda Litoral
Paseo marítimo que percorre a costa Atlántica en dirección sur ata chegar á desembocadura do Miño (praia O Muíño). Son 3,6 km e é unha ruta apta para bici. A menos de 1km do porto localízanse as Salinas romanas a pé da senda. É unha antiga industria de sal mariña recentemente escavada.

Ruta das Cetáreas
Esta senda permite contemplar coa marea baixa estas construcións no mar empregadas para manter vivo o marisco e que se deixaron de utilizar en torno a 1970.
Esta ruta comeza na Senda Litoral a uns 300 metros do porto coa primeira cetárea e continúa cara ao norte con outra cetárea preto do Museo do Mar. Despois de pasar pola praia de Area Grande a senda é máis natural e tras 3 km de ruta pódese coñecer a Cetárea Redonda, a máis monumental e doada de visitar cos nenos.

 

PLAN 3: PATRIMONIO URBANO

O casco histórico localízase en torno ao porto pesqueiro, reflexo do pasado e presente mariñeiro. Nun agradable paseo pódese coñecer o patrimonio:

Rúa Colón e rúa Baixo Muro
A rúa Colón une o porto coa praza do Reló e foi a rúa principal cando a vila estaba amurallada. Xusto no comezo das escaleiras de pedra consérvase parte dos lenzos da antiga muralla que defendía a poboación dos ataques externos, esta rúa chámase Baixo Muro.

Praza de San Marcos
Esta praza atópase entre as rúas Colón e San Marcos e ata o s. XIX localizábase o Hospital de San Marcos que prestaba axuda aos pobres e peregrinos a Santiago chegados dende Portugal.

Praza e Torre do Reló
Os edificios máis significativos a Torre do Reló, a Casa dos Alonso e o antigo Concello onde se localiza a Oficina de Turismo e a Policía Local.

Igrexa de Santa María
A igrexa parroquial orixinalmente románica ampliouse no s. XVI. A fachada principal é barroca con murais brancos (influencia portuguesa) e a fachada sur é de estilo renacentista. A torre lateral de planta rectangular rematada nunha cúpula foi realizada no s. XIX.

Hai que ter en conta que o casco urbano é pequeno e que se pode percorrer comodamente cun paseo:

Castelo de Santa Cruz
A fortaleza, coñecida popularmente como castelo, construíuse en s. XVII durante a Guerra de Independencia entre España e Portugal. Destaca na súa estrutura os catro baluartes que sobresaen da muralla. Conta con dúas portas de acceso peonil. Dende a rúa Porto Rico accédese pola Porta da Vila que é a máis próxima. O outro acceso, Porta de Socorro, rodea o recinto amurallado dende a rúa República Dominicana.

Casas Indianas
Estas vivendas construíronse na segunda metade do s. XIX e comezos do XX polos emigrantes guardeses a Porto Rico, República Dominicana e Brasil. Consérvanse un número importante de vivendas en todo o municipio aínda que destacan as situadas no casco antigo e nas rúas Porto Rico e Galicia.
As vivendas indianas caracterízanse polo emprego de cantería, azulexo e forxa. Son casas rechamantes que adoptaron as estruturas propias do país americano, o que lles confire unha personalidade propia. Algúns eran de carácter residencial como é o caso das vilas e outras se dedicaban a negocios ou fins sociais.

Alameda
Atópase na zona alta do casco urbano e próxima á estrada de acceso ao Monte de Santa Trega. Na súa contorna pódese contemplar destacados exemplos de vivendas indianas e dende aquí pódese iniciar a visita pola contorna urbana para finalizar no porto.

Zona comercial e mercado semanal
A zona urbana conta cun interesante e variado comercio que se pode paseando. Ademais os sábados pola mañá na contorna da Alameda celébrase o mercado semanal.

Mercado de Abastos
Na rúa Concepción Arenal localízase o Mercado de Abastos que ofrece produtos frescos as mañás laborais de luns a sábado.

 

PLAN 4: PATRIMONIO NATURAL

O espazo natural máis interesante da Guarda é a desembocadura do río Miño, xa que nos seus últimos quilómetros antes de verter as súas augas no océano forma un estuario de gran riqueza ecolóxica.

PRG160 Ruta da Desembocadura do Miño
Ruta sinalizada que permite coñecer os valores naturais comezando preto dos observatorios das aves onde se concentra o maior número de aves do estuario do Miño. Percórrense os 5 km da ribeira do Miño ata chegar á praia do Muíño, na propia desembocadura do río, e tras outros 2 km finalízase na costa atlántica.

Observación de aves:
O estuario do Miño localízase na ruta migratoria de numerosas aves que se achegan ata a desembocadura do Miño como zona de paso ou lugar de invernada. A maior concentración de aves localízase na contorna de Salcidos e os observatorios de aves permiten contemplalas sen asustalas.

Praias fluviais: O Muíño, A Lamiña, A Armona e O Codesal
Na privilexiada contorna natural que forma a desembocadura do Miño localízanse estas catro praias ao longo dos últimos dous quilómetros do río e forman unha bela unidade. Estas praias teñen características oceánicas coa marea alta e fluvial coa marea baixa.
Ademais de ofrecer unhas vistas inmellorables cara a Portugal e á desembocadura do río, estes areais están enmarcados por un piñeiral que ofrece lugar de descanso e sombra para os días calorosos de verán. Estas praias de gran valor natural e paisaxístico están incluídas no percorrido da ruta PR-G160 Desembocadura do Miño.

Praias marítimas: Area Grande, Fedorento e O Carreiro
Estas praias ofrecen uns atardeceres espectaculares. Son pequenas calas de area rodeadas de rochas e que se atopan próximas e unidas grazas á Ruta das Cetáreas.

Estas praias son moi valoradas polas propiedades das súas augas iodadas recoñecidas polas propiedades beneficiosas para a saúde, ideais para mellorar as enfermidades reumáticas e dermatolóxicas.

 

PLAN 5: RUTAS DE SENDERISMO
Para gozar do aire ao libre e da natureza hai 6 rutas:

1.- PR-160 Ruta da Desembocadura do Miño
Ruta sinalizada que permite coñecer os valores naturais comezando preto dos observatorios das aves onde se concentra o maior número de aves do estuario do Miño. Percórrense os 5 km da ribeira do Miño ata chegar á praia do Muíño, na propia desembocadura do río, e tras outros 2 km finalízase na costa atlántica.

2.- Senda Litoral
Paseo marítimo que percorre a costa Atlántica en dirección sur ata chegar á desembocadura do Miño (praia O Muíño). Son 3,6 km e é unha ruta apta para bici. A menos de 1km do porto localízanse as Salinas romanas a pé da senda. É unha antiga industria de sal mariña recentemente escavada.

3.- Ruta das Cetáreas
As cetáreas son viveiros que se localizan na costa da Guarda. A finalidade destas construcións en pedra era conservar vivo o marisco para a súa posterior venda. Ao longo desta ruta de 4.6 km pódense coñecer 4 cetáreas que aínda se conservan.

4.- Ruta PR-G122 Camiños do Trega
Esta ruta homologada ofrece unha ruta semicircular comezando na Casa Forestal e 6 sendas que están unidas entre si e cunha distancia total de 7,7 km. Estas sendas permiten coñecer a riqueza histórica e paisaxista lentamente e co máximo respecto a este legado.

5.- Camiño Portugués da Costa

Parte do embarcadoiro do ferry e continúa polos camiños rurais entrando no tramo urbano da Guarda. Segue polo casco histórico ata enlazar na praia de Area Grande cos sendeiros da costa ata chegar ao municipio limítrofe do Rosal, deixando atrás os 9 km de percorrido de baixa dificultade.

6.- Monte Torroso: sendeiros e rutas BTT
Para aqueles que lles guste a tranquilidade e a aventura ten o Monte Torroso coa Ruta BTT do Suroeste que percorre os montes da serra da Groba. Uns 35 km e un desnivel acumulado duns 1.000 metros destacando os montes de Sta. Mariña (O Rosal) e o territorio da Valga (Oia). Tamén se pode percorrer a pé os sendeiros deste monte comezando na casa da comunidade de montes.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese