O acto de presentación deste importante proxecto que pon en valor os fortes da provincia tivo lugar na Casa dos Alonso o pasado mércores pola tarde. Ás 16:30 horas deu inicio ao acto o alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, que deu a benvida aos alcaldes e concelleiros Ler máis
O acto de presentación deste importante proxecto que pon en valor os fortes da provincia tivo lugar na Casa dos Alonso o pasado mércores pola tarde.
Ás 16:30 horas deu inicio ao acto o alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, que deu a benvida aos alcaldes e concelleiros presentes e que tamén forman parte deste proxecto que engloba a 16 municipios da provincia. O alcalde agradeceu á Deputación Provincial que elixise A Guarda como escenario desta presentación onde destaca pola súa extensión o Castro de Santa Trega.
O Proxecto Trazas iniciouse en 2015 coa sinatura do convenio entre a Deputación Provincial e o Ministerio de Fomento e comprendeu na súa primeira fase as escavacións dos 17 castros seleccionados na provincia. A primeira intervención arqueolóxica foi no Castro de Santa Trega, reescavando o sector coñecido como barrio de Mergelina.
Nesta nova fase do proxecto presentado no Concello da Guarda preténdese dixitalizar os castros co lanzamento dun portal web específico que contribúa á posta en valor destes xacementos e onde se ubican diversos contidos como pezas audiovisuais. Ademais, complétase coa creación de materias didácticas para escolares e material familiar, científico,… Esta web e os seus contidos irán cambiando e ampliándose a medida que este proxecto avance coa musealización dos fortes escavados.
Estas novidades foron presentadas por Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación Provincial e responsable das 17 escavacións realizadas nos 16 municipios. Nesta proposta dixital destaca o Castro de Santa Trega polas súas espectaculares imaxes e contidos, pero sobre todo porque identifican o noso forte como a primeira cidade da provincia pola súa extensión, complexidade urbanística e o feito de que vivisen ao redor de 5.000 persoas alí.
O acto continuou coa intervención de Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo, quen expresou a súa satisfacción pola aposta por produtos que desestacionalizan o turismo na provincia. A continuación falou Nava Castro, deputada provincial de Turismo, quen agradeceu o esforzo pola dixitalización dos fortes porque permite a veciños e visitantes coñecer a riqueza arqueolóxica da provincia.
Luis López, presidente da Deputación, pechou a quenda de intervencións amosando así o compromiso da Deputación por ampliar este programa integral e recoñecendo que esta presentación tiña que ser no Concello da Guarda debido á importancia do forte de Santa Trega.
Ao remate do evento, entregouse unha copia impresa do seu castro aos municipios presentes. Todo este material xa está dispoñible en www.trazas.turismoriasbaixas.com