A Guarda celebrará a Semana Santa de 2018 cun amplo programa de actividades culturais para desfrute da veciñanza e dos visitantes. Destacan as tradicionais procesións, así como a oferta de visitas guiadas gratuítas para coñecer a historia e o patrimonio do noso pobo. A Guarda comezará a celebrar a Semana Santa oficialmente hoxe, Ler máis
A Guarda celebrará a Semana Santa de 2018 cun amplo programa de actividades culturais para o goce da veciñanza e os visitantes. Destacan as tradicionais procesións, así como a oferta de visitas guiadas gratuítas para coñecer a historia e o patrimonio do noso pobo.
A Guarda comezará a celebrar a Semana Santa oficialmente hoxe, 23 de marzo, coa celebración da «Procesión da Virxe das Dores», a partir das 21:00 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María. Non obstante, a programación cultural e relixiosa será máis intensa a partir do vindeiro xoves, 29 de marzo, co inicio das visitas guiadas e diversas actividades litúrxicas.
Nesta ocasión, o departamento de Turismo volverá ofrecer as rutas guiadas polo casco histórico da vila, coas que as persoas asistentes poderán coñecer a historia da Guarda a través do seu patrimonio, percorrendo as rúas e prazas do casco antigo, incluído o Castelo de Santa Cruz. Estas visitas realizaranse o xoves, venres e sábado e terán unha duración de 60 minutos. As saídas serán ás 12:30 horas dende a Praza do Reló, onde se atopa a Oficina Municipal de Turismo.
A oferta de visitas guiadas complétase coas populares rutas polo Castro de Santa Trega. Estas rutas, de 30 minutos de duración, levaranse a cabo entre o xoves e o sábado, con saída dende a chaira da Casa Forestal ás 11:00, 12:00, 13:00, 16:00, 17:00 e 18:00 horas. As visitas guiadas son gratuitas e non precisan inscrición previa. Desta forma, as persoas interesadas en coñecer máis en profundidade o patrimonio e a historia do Monte Santa Trega e o seu casco urbano, unicamente deberán presentarse á hora de comezo de cada ruta no punto de encontro arriba indicado.
Este ano, ademais, contaremos cun vistoso desfile de traxes rexionais e unha regata.
Na proposta cultural durante esta Semana Santa, tamén merece ter en conta a Rede de Museos da Guarda. Así, o Museo arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT) permanecerá aberto de martes a domingo en horario de 10:00 a 20:00 horas, mentres que o Museo do Mar abrirá as súas portas entre o xoves e o domingo en horario de mañá (11:00 a 14:00 h) e tarde (16:00 a 19:00 h). Pola súa banda, o espazo público do Castelo de Santa Cruz ampliará o seu horario de apertura de 10:00 a 20:00 horas. As persoas que visiten a fortaleza guardesa poderán contemplar a exposición escultórica «Nado en pedra», realizada polos alumnos da Escola de Cantería de Pontevedra.
Traxes rexionais e deporte
Durante a vindeira semana, máis de 700 campistas de toda España visitarán A Guarda con motivo da 60ª Acampada Nacional da Federación Española de Clubs Campistas (FECC), que terá lugar no Camping de Santa Tecla entre o 24 de marzo e o 1 de abril. Dentro da intensa programación dos visitantes, destaca o desfile de traxes rexionais que se celebrará o xoves 19 de marzo. Nel, os campistas sairán dende a Alameda agrupados por Comunidades Autónomas para amosar a vestimenta tradicional de cada unha delas. O desfile rematará no Auditorio de San Bieito, coa inauguración oficial da acampada e a recepción dos campistas na Guarda.
O sábado 31 de marzo, teremos tempo de gozar do deporte na XIX Regata de Bateis Bandeira Concello da Guarda-Memorial Antonino Torrón, organizada polo Club de Remo Robaleira en colaboración co Concello da Guarda. A competición, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Remo, terá lugar no Porto guardés a partir das 16:00 horas.
Actos relixiosos
En canto á actividade litúrxica, a programación máis destacada ocúpana as procesións e a tradicional bendición de ramos e palmas o 25 de marzo (Domingo de Ramos), na praza de San Bieito a partir das 11:00 horas. O Xoves Santo virá marcado pola «Procesión dos Pasos», con saída ás 20:30 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María. O Venres Santo terá lugar, dende o mesmo lugar, a «Procesión do Encontro» (11:00 h) e a «Procesión do Santo Enterro» (20:30 h).
A Semana Santa guardesa finalizará coas Festas de Pascua de Buxán, que se inician mañá, 24 de marzo, coa celebración do «XI Serán de Buxán» ás 22:00 horas na praza de Buxán, e continuará o vindeiro sábado, 30 de marzo, cos tradicionais xogos populares (16:00 h) e a posterior verbena, amenizada polas orquestras América e Magical (23:00 h).
O 1 de abril (Domingo de Pascua), o barrio salcidense reservará o día para gozar da gastronomía, cunha zorzada e polbo á feira pola mañá (a partir das 11:00 h) e a Festa do Bizcoito pola tarde (dende as 16:00 h). A xornada estará amenizada polo pasacalles de Airiños do Folón e o ‘Concurso do pau enxaboados con xamón arriba’ a partir das 15:30 horas. O broche de ouro destas festas virá da man do Coro Fuscalheiro, que actuará a partir das 19:30 h.
Horario da Oficina de Turismo
A Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Reló, abrirá dende o luns 26 ata o sábado 31 de marzo cun horario ampliado, a saber, de 10:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 19:00 horas. Para máis información, as persoas interesadas poderán achegarse ata a oficina, contactar co departamento de Turismo no teléfono 986 614 546 e/ou a través do correo electrónico turismo@aguarda.es, ou ben consultar a páxina de Facebook de Turismo A Guarda.