A Guarda celebrará o Entroido con programación na Alameda e o tradicional Desfile do Martes de Entroido

28 de febreiro de 2022·Por Prensa A Guarda4 minutos de lectura
Noticias Turismo

• Neste 2022 retómase o Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos para o Martes e proponse unha programación dende o sábado pensada para os máis pequenos e as familias que non queiran perderse a festa característica destas datas Tras a obrigada interrupción do ano 2021 pola pandemia da COVID-19, Ler máis

• Neste 2022 retómase o Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos para o Martes e proponse unha programación dende o sábado pensada para os máis pequenos e as familias que non queiran perder a festa característica destas datas

Tras a obrigada interrupción do ano 2021 pola pandemia da COVID-19, A Guarda retoma este ano a programación de Entroido, que comezará o sábado 26 de febreiro e rematará o martes 1 de marzo coa celebración do Desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos.
Na Alameda da Guarda sucederanse cada día actividades de corte sinxelo, que buscan escapar de aglomeracións sen deixar de achegarnos á música e ao humor como ingredientes principais do Entroido.
Aínda que os principais destinatarios das actividades son as nenas e nenos, reservouse tamén un espazo para o tradicional baile de entroido cunha proposta moi especial, o espectáculo ENTROIDANZAS que da man da compañía Pesdelán fará un percorrido polas músicas e danzas de Entroido de todo o mundo coa única pretensión de poñer a todo o público guardés a bailar e gozar do Entroido, sen importar a súa idade.

SÁBADO E LUNS, PÚBLICO INFANTIL

O sábado ás 17:30h. o polifacético Brais das Hortas presentará o seu último traballo musical “CONSERTASSO NA HORTA”, unha chea de personaxes e cancións de músicas diversas (reggae, ska, punk, hip-hop…) para reivindicar con ledicia e amor a vida e ledicia da nosa horta: A Santa Compaña cantando un trap, unha avalancha de kiwis, unha pulga punk da praia de Liméns, un soulman cantando cunha escobilla do váter ou un astronauta que vai á lúa con queixo de Arzúa…

O Luns será Peter Punk o encargado de amenizar a tarde. Un vello coñecido dos nenos e nenas guardesas que chega nesta ocasión co seu espectáculo a Chungatrona. Un aparello pensado por un pallaso que manterá ao público en tensión ata que… algún incauto resulte totalmente mollado e a cara cuberta de torta. Todo isto, para desatar a risa, a diversión e a tolemia do público: nenas, nenos e maiores.

Mais como a esencia do Entroido defínese ademais do humor, pola música, tras o espectáculo, a Charanga Vaya Panda continuará amenizando a festa polo contorno da Alameda

DOMINGO, DANZAS DE ENTRIDO

O domingo chegará ata a Alameda a compañía de música e baile Pesdelán, que leva máis dunha década buscando ser máis que un grupo de música, eles conseguen a través da música en vivo e o ensino de bailes e xogos sinxelos recuperar o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia. Desta vez o reto vén da man de ENTROIDANZAS, un percorrido musical polos diferentes Entroidos do planeta, co que pretenden poñernos a bailar como os «folións» de Ourense, os paraugas do Frevo de Pernambuco ou os corcovados do centro de Italia.

MARTES DE ENTRIDO, DESFILE E BAILE FIN DE FESTA

Para pechar a programación chegará o desfile de MARTES DE ENTRIDO ás 17:30h., que repetindo o formato que tan bo resultado deu no 2020 contempla unha compensación económica fixa para os 16 primeiros participantes, que poderán facelo nas categorías de Carrozas, Comparsas ou Grupos. As bases xa publicadas na páxina web do Concello da Guarda regulan a participación e categorías.
O desfile mantén o habitual percorrido pola rúa Porto Rico, Galicia e Alameda e contará coa animación do grupo AXÉ BAHÍA que ao final do mesmo ambientarán na Alameda para pechar o gran baile de despedida ata o vindeiro Entroido.

NOTA: cumprindo os protocolos COVID-19 este ano non se contará con carpa para a programación, polo que en caso de choiva as actividades infantís trasladaranse ao Centro Cultural, respectando data e hora, mentres que o espectáculo de Pesdelán ou o Desfile de Entroido serían aprazados a unha nova data.


PROGRAMACIÓN
DO 26 DE FEBREIRO AO 1 DE MARZO

SÁBADO 26 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“CONSERTASSO NA HORTA”, divertido concerto para toda a familia da man de Brais das Hortas.(*)
DOMINGO 27 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“ENTROIDANZAS”, con Pesdelán. Achégate a bailar danzas tradicionais de todos os entroidos (**)
LUNS 28 FEBREIRO
17:30h. Alameda da Guarda
“A CHUNGATRONA” con Peter Punk. Risas aseguradas para nenas, nenos e non tanto (*)
18:30h. Charanga Vaya Panda (**).
MARTES 1 MARZO
17:30 Tradicional desfile de Carrozas, Comparsas e Grupos. Amenizado por Batucada Axé Bahía, con Final na Alameda(**)

NOTA:
*En caso de choiva trasládase ao Centro Cultural
**En caso de choiva cambiarían de data

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese