O Concello da Guarda inicia o mes de agosto cunha ampla programación de actividades como antesala ás Festas do Monte que terán lugar a partir do vindeiro luns. As Festas de San Caetano, o IV Galifornia Beat ou eventos deportivos como o XVI Open de Tenis do Clube Codesal, as Carreira Pedestres Ler máis
O Concello da Guarda inicia o mes de agosto cunha ampla programación de actividades como antesala ás Festas do Monte que terán lugar a partir do vindeiro luns. As Festas de San Caetano, o IV Galifornia Beat ou eventos deportivos como o XVI Open de Tenis do Clube Codesal, as Carreiras Pedestres ou o Torneo de Hockey Liña das Festas do Monte.
Xoves 2 de agosto.
As Festas de San Caetano abren este xoves a programación de actividades coa subida do Arco Floral, unha singularidade desta festa, que foi recuperada hai uns anos pola comisión de festas, realizarase ás 21:00 h.
Venres 3 de agosto.
Dentro da programación das Festas de San Caetano o grupo A Boalleira percorrerá as rúas do barrio e celebrarase unha sardiñada ás 21:00 h, con posterior verbena a cargo do grupo América.
O IV Galifornia Beat arrinca o venres ás 12:00 h coa apertura da zona gastronómica coa asistencia de varios foodtrucks e un marketplace, un espazo reservado para todo aquel que desexe mostrar o seu traballo, tanto artesanal, artístico como empresarial, obradoiros, etc. Contará o Marketplace coa colaboración de Peluq art, perruquería e estética pola vontade, onde os fondos recadados serán destinados á organización do evento. Ás 14:00 h do venres abrirase a quenda para que todos os participantes nas diferentes modalidades realicen skate libre e coñezan as instalacións do Galifornia Beat, iniciándose ás 19:00 h a primeira competición co Best Trick e ás 20:00 a «Batalla de Galos», unha novidade desta IV edición que consiste no enfrontamento entre dos rapeiros (MC), onde cada un ten un minuto e o seguinte ten outro para facerlle a réplica ao primeiro. Valorarase a dificultade das rimas, o flow e a capacidade de réplica, contando cun primeiro e segundo premio. Ás 21:00 h arrincarán os concertos desta primeira xornada que correrán a cargo das bandas Glitter & Litter(Pontevedra), Créemela( Xixón), Viva Belgrado(Córdoba), Kings of the Beach(Vigo) e unha gran afterparty nos Charcos, que porá o punto e final desta primeira xornada.
Durante a fin de semana realizaranse visitas guiadas ao Monte Santa Trega, ás 11:30 h con saída do Castro e ás 12:30 h e 17:00 h con saída dende o Museo Arqueolóxico de Santa Trega( MASAT).
Sábado 4 de agosto:
Dentro da programación das Festas de San Caetano o grupo A Boalleira percorrerá as rúas do barrio e pola noite verbena coas orquestras Zeltia e Ámbar.
Dentro da programación das Festas do Monte celebraranse dous eventos deportivos. O pavillón Antonino Torrón do colexio As Solanas acolle o tradicional torneo Festas do Monte de Hockey Liña, organizado polo club local A Guarda Hockey Liña e coa colaboración da Comisión das Festas do Monte, a edición deste ano disputarase en formato triangular entre os equipos infantís de A Guarda Hockey Liña, Murciélagos HL de Ourense e Vigo Blue Ringed. Así mesmo na categoría senior mixto o trofeo xogarase entre A Guarda Hockey Liña e Abuelos Team, conxunto formado por xogadores veteráns dos equipos da contorna. Ás 18:00 h terán lugar as Carreiras Pedestres das Festas do Monte, que sairán dende a Alameda.
Durante toda a xornada do sábado día 4 de agosto o IV Galifornia Beat arrinca de 10:00 h a 11:00 h coa apertura de inscricións para a proba de Street Sub 16, que se iniciará ás 11:00 h e na cal a organización quere premiar á canteira, cunha competición dedicada especialmente aos máis pequenos con roldas eliminatorias de dous minutos onde o xurado valorará aos riders polo seu flow, trucos e orixinalidade. Ás 12:00 h do mediodía chegará a hora da WS Skateboard School, unha escola de skate para nenos e de balde, onde os máis pequenos poderán aprender este deporte da man de profesionais e ás 13:00 h realizarase un concerto e sesión vemouth a cargo do grupo de música os Lombardi( Portonovo) e sesión do DJ Nacho Saa(Vinilo set). Entre as 14:00 h e as 16:00 h abrirase o prazo de inscricións para o resto de probas deportivas que se celebrarán pola tarde, iniciando esta quenda a de Open S. K.La. T.Y. ás 16:00 h, unha das probas máis técnicas onde os trucos e as acrobacias serán os protagonistas. Ás 17:00 h terá lugar o Open Street, onde se permite aos participantes un tempo libre para practicar facendo eliminatorias cun determinado tempo ata chegar ás finais. Ás 18:00 h arrincará a exhibición de Biketrial, modalidade onde cada rider ten que sortear diferentes obstáculos co mínimo apoio cos pés. A Masterclass Break Dance chegará sobre as 18:00 h, unha actividade para todas as idades, onde poderedes aprender os pasos básicos desta disciplina e ademais gozar dun agradable momento. Ás 20:00 h chegará o momento do Open Mini Ramp, unha proba que se realiza nun half con roldas individuais e na que os riders realizan trucos coma se dunha coreografía tratásese. Neste momento iniciaranse os concertos a cargo dos grupos Milhomes (A Guarda) e Fuzzil (Portugal). Xa ás 22:00 h realizarase a entrega de premios e posterior afterparty nos Charcos con Captain JailRock DJ.
Domingo 5 de agosto:
Dentro da programación das Festas de San Caetano ás 10:00 h entrada no recinto de festas do Grupo A Boalleira, ás 11:30 Misa Solemne con sermón e procesión cantada polo Coro Parroquial. Final coas tradicionais poxas a partir das 19:00 h.
Tamén na xornada do domingo celébranse as finais e entrega de trofeos do XVI Open Club de Tenis Codesal e do I Open Feminino Concello da Guarda nas instalacións do Club de Tenis Codesal no Pasaxe, Camposancos.
Exposición fotográfica da Casa dos Alonso:
A Sala de Exposicións da Casa dos Alonso da Guarda acolle a Exposición fotográfica «Así Somos», unha mostra que recolle a través de imaxes o día a día da poboación guardesa, en horario de 12:00 h a 14:00 h.