A Guarda entra xa de cheo na Semana Santa 2019 cun amplo programa de actividades culturais para desfrute de veciños e dos milleiros de visitantes que cada ano se achegan ata a vila nesta tempada. Como todos os anos A Guarda conta esta Semana Santa coas tradicionais procesións, visitas guiadas Ler máis
A Guarda entra xa de cheo na Semana Santa 2019 cun amplo programa de actividades culturais para desfrute de veciños e dos milleiros de visitantes que cada ano se achegan ata a vila nesta tempada. Como todos os anos A Guarda conta esta Semana Santa coas tradicionais procesións, visitas guiadas gratuítas, apertura da Rede de Museos, ademais de actividades festivas como as Festas de Pascua de Buxán, a Exposición de maquetas e figuras de Praxíteles González ou o Concerto de Clarinete de Cintia Lomba.
Programación relixiosa
A Semana Santa na Guarda arrinca xa este venres día 12 de abril coa celebración da Procesión da "Venres de Dor", a partir das 21:00 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María.
Na xornada do Domingo día 14 de abril realízase a tradicional Bendición dos Ramos e Palmas, programada para as 11:00h na Praza do Reló.
O xoves 18 de abril ou xoves santo destaca a Procesión dos Pasos, programada para as 20:30h da tarde, o venres 19 de abril ás 11:00h realízase a Procesión do Encontro e ás 20:30h a Procesión do Santo Enterro, rematando o sábado 20 de abril coa Procesión da Soledad de María, ás 8:00h.
Visitas Guiadas especiais
O departamento de Turismo oferta novamente as visitas singulares polo casco histórico, que baixo o título "Praza antigas e novas", pretenden ensinar aos visitantes e veciños a historia da Guarda a través do seu patrimonio, percorrendo as principais prazas do casco antigo, visitas que serán gratuítas e sen reserva previa, cunha duración aproximada de 35 minutos e que sairán da Oficina de Turismo da Praza do Reló ás 12:30h e ás 17:30h o xoves 18, venres 19 e sábado 20 de abril.
O Castro de Santa Trega tamén contará cunha oferta especial de visitas guiadas, visitas que arrincarán dende a Casa Forestal ás 11:00h, 12:00h, 13:00h, 16:00h, 17:00h e 18:00h. Cunha duración de 30 minutos entre o xoves e o sábado, as persoas interesadas poderán coñecer máis en detalle o patrimonio e a historia do Monte Santa Trega.
Rede de Museos
Na proposta cultural durante esta Semana Santa hai que ter en conta a Rede de Museos da Guarda. Así, o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT) permanecerá aberto de martes a domingo en horario de 10:00 a 20:00 horas, mentres que o Museo do Mar abrirá as súas portas entre o xoves e o domingo en horario de mañá (11:00 a 14:00 h) e tarde (16:00 a 19:00 h). Pola súa banda, o espazo público do Castelo de Santa Cruz ampliará o seu horario de apertura de 10:00 a 20:00 horas abrindo o Centro de Interpretación das Fortalezas de xoves a domingo en horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h
Exposición de maquetas e figuras
A planta baixa do Centro de Interpretación das Fortalezas, situado no interior do Castelo de Santa Cruz, acolle a Exposición de maquetas e figuras do rosaleiro Praxíteles González, unha exposición na que se poderá observar a maqueta da Catedral de Santiago, unha maqueta para a cal o artista investiu máis de 7 meses para a súa elaboración, ou unha representación das máis de 40 esculturas realizadas polo artista con materiais de reciclaxe.
Festas de Pascua de Buxán
A Semana Santa guardesa rematará coas Festas de Pascua de Buxán, que se inician este sábado, 13 de abril, coa celebración do "XII Serán de Buxán" ás 22:00 horas na praza de Buxán, e continuarán o vindeiro sábado, 20 de abril, cos tradicionais xogos populares ás 16:00h e a posterior verbena, amenizada polas orquestras América e Magical ás 23:00 h.
O domingo 21 de abril, Domingo de Pascua, este barrio de Salcidos reservará o día para desfrutar da gastronomía, cunha zorzada e polbo á feira a partir das 11:00 h e unha Festa do Biscoito a partir das 16:00 h. A xornada rematará coa actuación do grupo folk Na Revolta a partir das 19:30 h.
Concerto de Clarinete
O sábado 20 de abril o Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda será o escenario do Concerto de Clarinete a cargo da guardesa Cintia Lomba, que estará acompañada pola pianista Alina Pociute. O concerto terá lugar ás 20:30h, con entrada gratuíta ata completar aforo.
Horario da Oficina de Turismo
A Oficina Municipal de Turismo, situada na Praza do Reló, abrirá dende o luns 15 ata o sábado 20 de abril cun horario ampliado, de 10:00h a 14:00h e de 16:30h a 19:30h. Para máis información, as persoas interesadas poderán achegarse á oficina, contactar co departamento de Turismo a través do teléfono 986 614 546 e/ou o correo electrónico turismo@aguarda.es, ou ben consultar a páxina web www.turismoaguarda.es e a páxina de Facebook de Turismo A Guarda.