A Guarda dedica unha fin de semana gastronómica á exaltación da lamprea do Miño

5 de abril de 2018·Por Prensa A Guarda3 minutos de lectura
Noticias Turismo

Os días 14 e 15 de abril, máis dunha ducia de restaurantes prepararán este peixe á bordelesa para a súa degustación, previa reserva. O Concello da Guarda, en colaboración con viveiristas e establecementos hostaleiros do pobo, organiza a fin de semana gastronómica «Lamprea do Miño», que se celebrará os días 14 e 15 de Ler máis

Os días 14 e 15 de abril, máis dunha ducia de restaurantes prepararán este peixe á bordelesa para a súa degustación, previa reserva.

O Concello da Guarda, en colaboración con viveiristas e establecementos hostaleiros do pobo, organiza a fin de semana gastronómica «Lamprea do Miño», que se celebrará os días 14 e 15 de abril nun total de 11 restaurantes, co obxectivo de potenciar A Guarda como destino gastronómico da lamprea.

Durante estas xornadas, as veciñas e veciños da vila e os seus arredores **poderán degustar a lamprea na súa preparación máis tradicional, á bordelesa**, a un prezo único por ración de 18€. A lamprea enteira terá un prezo de 50€.

Os establecementos adheridos a esta campaña son os restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Camping Santa Tecla, Bar Casa Aquilino, A Pìzzicata, Marbella, Marusía, O Cangrexal, Vos Remos e O Roxo. Dada a longa elaboración que necesita este manxar, **recoméndase reservar o prato previamente** nos restaurantes.

Exaltación da lamprea

Tras catro anos consecutivos celebrando a «Ruta do pincho da lamprea do Miño», organizada por viveiristas, pescadores, bares e restaurantes locais en colaboración co Concello, esta nova iniciativa nace da vontade conxunta de impulsar a gastronomía local e a súa riqueza, centrando os esforzos na **exaltación dun dos manxares máis descoñecidos do noso río** e indo máis alá dos pequenos bocados. Así, nesta ocasión convídase ás familias e grupos de amigos a visitar o noso pobo e degustar unha preparación de lamprea óptima para a comida ou a cea da fin de semana.

Dentro desta mesma campaña, o alumnado de 6º de primaria dos centros educativos guardeses participarán na **xornada didáctica «Coñecedes a lamprea?»**, unha iniciativa que xa se realizou o pasado ano como complemento á «Ruta do pincho». Dada a boa acollida da proposta, os pequenos e pequenas repetirán a experiencia, na que poderán achegarse ás técnicas de pesca da lamprea no río Miño, agora que se atopa en tempada.

Esta xornada componse de dúas partes: unha primeira actividade didáctica que se realizará na Casa dous Alonso, onde as nenas e nenos poderán coñecer máis en profundidade a lamprea a partir dunha reportaxe audiovisual sobre a pesca desta na desembocadura do Miño. Contarán, ademais, co testemuño de pescadores, que explicarán a súa profesión aos pequenos mediante os utensilios de pesca que utilizan e as anécdotas do seu oficio.

Despois, o alumnado poderá elaborar na aula uns **debuxos coa temática «Desembocadura do Miño e a lamprea»**. Vos traballos exporanse nos restaurantes e cafeterías adheridas á campaña durante a fin de semana gastronómica.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese