A Guarda é a vila máis acolledora de Galicia segundo os visitantes

10 de xuño de 2025·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

A Guarda é a vila máis acolledora de Galiza segundo os propios visitantes, pois vén de resultar a gañadora desta categoría nos Traveller Review Awards 2025 que se coñeceron este luns 9 de xuño. Estes premios celebraron a 13ª edición e baséanse en máis de 360 millóns de comentarios verificados en Booking.com Ler máis

A Guarda é a vila máis acolledora de Galica segundo os propios visitantes, pois vén de resultar a gañadora desta categoría nos Traveller Review Awards 2025 que se coñeceron este luns 9 de xuño.

Estes premios celebraron a 13ª edición e baséanse en máis de 360 millóns de comentarios verificados en Booking.com de viaxeiros internacionais. A Guarda destacou nos valores de autenticidade, achegamento e calidez no trato, colocándose, xa que logo, no máis alto do ranking galego en hospitalidade e calidade na experiencia turística.

Os viaxeiros tamén deixaron notar a riqueza do noso patrimonio natural e cultural, dende o recoñecido Castro de Santa Trega ata o porto, a fortaleza de Santa Cruz e a propia desembocadura do río Miño.

“Estamos encantados con este recoñecemento, que ademais vén dos propios visitantes e turistas, pois recoñece o traballo e aposta que estamos a facer dende este goberno polo turismo”, declara o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, “pero tamén pon en valor a idiosincrasia das guardesas e guardeses, esa forma de ser acolledora e amable”.

O Concello da Guarda xa leva realizado diferentes accións dentro da promoción turística para dar a coñecer a nosa vila e os seus encantos. En xaneiro, A Guarda estivo presente na Feira de FITUR en Madrid, para logo ser a protagonista en maio no stand do Lar Galego na Feira de Abril de Sevilla. Ademais, realizáronse traballos para mellorar a experiencia dos turistas, como un deseño renovado dos mapas turísticos e a posibilidade de realizar visitas virtuais.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese