Tódalas persoas que desexen degustar este manxar preparado á bordalesa poderán achegarse á Guarda as fins de semana do 23 de marzo ao 14 de abril. O Concello da Guarda, en colaboración cos establecementos hostaleiros da vila, organiza as xornadas gastronómicas «Lamprea do Miño», que se celebrarán en 10 Ler máis
Todas as persoas que desexen degustar este manxar preparado á bordalesa poderán achegarse á Guarda as fins de semana do 23 de marzo ao 14 de abril.
O Concello da Guarda, en colaboración cos establecementos hostaleiros da vila, organiza as xornadas gastronómicas «Lamprea do Miño», que se celebrarán en 10 bares e restaurantes co obxectivo de potenciar A Guarda como destino gastronómico da lamprea.
Durante estas xornadas, as veciñas e veciños da nosa vila e da súa contorna poderán degustar a lamprea na súa preparación máis tradicional, á bordalesa, a un prezo único por ración de 22€. A lamprea enteira terá un prezo de 65€. Dada a longa elaboración que precisa este manxar é necesario reservar previamente nos restaurantes.
Os establecementos adheridos a esta campaña son os restaurantes Area Grande, Arruaz, Brétema, Bar Casa Aquilino, Enxebre, La Pizzicata, Marbella, O Cangrexal, O Roxo e Xantar.
Esta nova iniciativa gastronómica transformouse o ano pasado da vontade conxunta de impulsar a gastronomía local e a súa riqueza, centrando os esforzos na exaltación dun dos manxares máis descoñecidos do noso río. Este ano aumentáronse as fins de semana para que todos os interesados poidan degustar a lamprea na súa elaboración máis tradicional e como leva preparándose durante xeracións na Guarda.
Dentro desta mesma campaña, o alumnado de 6º de primaria dos centros de educación da Guarda participarán na xornada didáctica «Coñecedes a lamprea?», unha iniciativa que se leva organizando dous anos. Dada a boa acollida da proposta, os nenos e nenas repetirán a experiencia, na que poderán achegarse ás técnicas de pesca da lamprea no río Miño, agora en tempada.
Esta xornada componse de dúas partes: unha primeira actividade didáctica que se realizará na Casa dos Alonsos, onde as nenas e nenos poderán coñecer máis en profundidade a lamprea a partir dunha reportaxe audiovisual sobre a pesca deste peixe na desembocadura do Miño. Contarán, ademais, cos testemuños de pescadores, que explicarán a súa profesión aos nenos e nenas mediante os aparellos de pesca que empregan e, como non, as vivencias e anécdotas.
A continuación, o alumnado poderá elaborar nas aulas uns debuxos coa temática «Desembocadura do Miño e a lamprea». Os traballos serán expostos na Praza de Abastos desde o sábado 13 de abril.
Exaltación da lamprea
A lamprea é un produto de tempada polo que estas xornadas organízanse para dar a coñecer a lamprea do Miño como un produto gastronómico de excelencia.
A tempada de pesca na desembocadura do Miño comeza en xaneiro e remata a mediados de abril e durante estes meses pódese observar a decenas de pescadores nas súas embarcacións como realizan este duro traballo botando as redes, coñecidas como “lampreeira”, e izándoas mentres as correntes do río os desprazan.
Como peche a esta campaña está prevista a realización dun showcooking o sábado 13 de abril na Praza de Abastos. Esta actividade mostrará como se elabora unha receita de lamprea.
Programación nas fins de semana
É moi interesante percorrer os sendeiros das praias da desembocadura do río Miño contemplando as súas paisaxes e aos pescadores de lamprea traballando durante a subida da marea. Nestas praias aínda se conservan e pódense observar coa marea baixa restos de varias “pesqueiras” (construcións en pedra) que debido á súa antigüidade descoñécese se tamén se utilizaban para capturar as lampreas ademais doutros peixes.
Ademais da programación cultural e deportiva:
Sábado 30 de marzo:
• Carreira de Orientación (necesaria inscrición ata o 27 de marzo)
• Concerto do Coro Gli Pasionatti no Centro Cultural
Sábado 6 de abril:
• Concerto e gravación do disco do grupo Na Revolta no Centro Cultural
Domingo 7 de abril:
Concerto de Corda xuvenil – infantil KV2211 no Centro Cultural
Proba de Enduro (necesaria inscrición ata o 27 de marzo)
Sábado 13 de abril:
• Showcooking: Cociñar a lamprea do Miño
• 21.00h Serán das Festas de Buxán na Praza de Buxán
Domingo 14 de abril:
• 11.00h Bendición dos ramos e palmas na Praza de San Benito