A Guarda ofrece visitas guiadas gratuítas ao Monte Santa Trega en xuño

1 de xuño de 2018·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

A Concellaría de Turismo do Concello da Guarda anuncia o novo calendario de visitas guiadas gratuítas polo Monte Santa Trega para este mes de xuño, cunha oferta de tres diferentes percorridos. Aquelas persoas que desexen realizar unha visita guiada completa polo emblemático monte guardés e coñecer en profundidade o seu valor Ler máis

A Concellaría de Turismo do Concello da Guarda anuncia o novo calendario de visitas guiadas gratuítas polo Monte Santa Trega para este mes de xuño, cunha oferta de tres diferentes percorridos.

Aqueles que desexen realizar unha visita guiada completa polo emblemático monte guardés e coñecer en profundidade o seu valor arqueolóxico, relixioso e paisaxístico, poderán participar nas saídas que partirán cada sábado ás 12:00 e ás 18:00 h do castro. Dende alí, as e os participantes percorrerán primeiro o poboado, para máis tarde subir á cima do monte e visitar a ermida de Santa Trega e o MASAT.

Ás 11:00 e ás 17:00 dos sábados ofrecerase a oportunidade de realizar visitas guiadas centradas unicamente no castro, cunha explicación do xacemento arqueolóxico de 30 minutos de duración. Completando a programación, este ano ofreceranse visitas guiadas especiais polo barrio Mergelina, no que recentemente comezaron os traballos de restauración e consolidación. Este percorrido terá lugar os xoves cunha saída ás 17:00 h dende a Casa Forestal. Os e as participantes poderán coñecer os traballos realizados polos arqueólogos e achegarse ao estilo de vida dos poboadores do castro, grazas aos traballos de escavación realizados hai dous anos.

As persoas interesadas en participar deberán presentarse á hora de saída no punto de encontro indicado. Aínda que as visitas son gratuítas, debe terse en conta que a taxa de acceso ao monte é de 1€ para as persoas adultas e de 0,50€ para os menores de 14 anos. Os grupos formados por máis de 10 persoas deberán reservar a súa visita previamente chamando ao Museo do Monte Santa Trega (986 610 504).

Proximamente anunciarase o novo calendario de visitas guiadas gratuítas para os meses de xullo e agosto de 2018, con horarios ampliados.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese