O Concello da Guarda presenta este xoves día 27 de xuño no Mercado de Abastos de Allariz a XXIX edición da Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira. Neste acto de presentación contarase coas intervencións do tenente-alcalde da Guarda, o nacionalista Anxo Baz, da Concelleira Ler máis
O Concello da Guarda presenta este xoves día 27 de xuño no Mercado de Abastos de Allariz a XXIX edición da Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira.
Neste acto de presentación contará coas intervencións do tenente-alcalde da Guarda, o nacionalista Anxo Baz, da Concelleira de Turismo da Guarda, a nacionalista Bea Lomba e da Alcaldesa do Concello anfitrión de Allariz, Mª Cristina Cid Fernández.
En Allariz darase a coñecer a programación desta XXIX edición da festa gastronómica por excelencia da vila mariñeira da Guarda, unha festa que conta cada ano coa asistencia de milleiros de persoas que se achegan ata o Porto da Guarda, para coñecer e degustar a ampla variedade de produtos ofertados, así coma participar na diversa programación musical e de entretemento asociada á mesma.
Declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, a Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira é un escaparate para pór en valor o bo facer dos restauradores da Guarda e un dos produtos máis representativos desta vila do sur de Pontevedra como é a Lagosta, símbolo da Guarda dende os tempos das cetáreas, onde os pescadores comerciaban con este prezado manxar do noso mar, que levou á Guarda a coñecerse como a «Capital da Lagosta».
A Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira celebrarase nesta edición do 5 ao 7 de xullo no Porto da Guarda nunha carpa de 1.000 m² con mesas e cadeiras para que os asistentes poidan degustar comodamente da lagosta e demais pratos.