A Guarda promove visitas guiadas para a Ponte da Constitución

29 de novembro de 2021·Por Prensa A Guarda3 minutos de lectura
Noticias Turismo

O Concello da Guarda e o Padroado Municipal do Monte Santa Trega ofrecen visitas guiadas durante a Ponte da Constitución ampliando a oferta de QUE FACER na nosa vila. Os visitantes e turistas, que escollen A Guarda, percorren o noso territorio a través das rutas de sendeirismo, desfrutan da natureza na Ler máis

O Concello da Guarda e o Padroado Municipal do Monte Santa Trega ofrecen visitas guiadas durante a Ponte da Constitución ampliando a oferta de QUE FACER na nosa vila.

Os visitantes e turistas, que escollen A Guarda, percorren o noso territorio a través das rutas de sendeirismo, gozan da natureza no Esteiro do Miño, visitan o Monte Santa Trega, descobren a vida mariñeira no porto e no Museo do Mar e degustan a nosa gastronomía e produtos locais.

Para completar estes recursos e para que os visitantes e veciños coñezan con máis detalle o noso patrimonio e historia ofreceranse visitas guiadas gratuítas coincidindo coa Ponte da Constitución:

Castro Santa Trega:
Visita guiada de 60 minutos á zona escavada comezando polo Barrio Mergelina (escavación realizada en 2018) e rematando nas vivendas reconstruídas. Permitirá coñecer en detalle a Cultura Castrexa e como vivían estes castrexos no Trega hai xa máis de 2.000 anos.
Haberá unha visita ás 12:00h os días sábado 4, domingo 5, martes 7 e mércores 8 co punto de encontro na Casa Forestal.
O aforo é limitado e precisan de inscrición previa no MASAT (Museo Arqueolóxico) no tel. 690 01 70 38 ou en masat@aguarda.es. O prezo por acceso ao monte en vehículo non está incluído nesta actividade.

Percorrido histórico polas prazas urbanas:
Co encanto dos atardeceres visitaranse as principais prazas e rúas urbanas amosando a súa historia, detallando os diferentes usos e nomes empregados no pasado e destacando os monumentos máis importantes destes espazos urbanos.
Neste caso as visitas comezarán ás 18:30h na Praza do Reló xunto á Oficina de Turismo e terán lugar os días sábado 4, domingo 5, luns 6 e martes 7.
Tamén terán unha duración aproximada de 60 minutos e será necesaria inscrición previa na Oficina de Turismo (tel. 986 61 45 46 ou en aguarda.oficina.turismo@gmail.com / turismo@aguarda.es)

Ademais con motivo da Ponte da Constitución a Rede de Museos da Guarda conta cunha apertura especial:
• MASAT (Museo Arqueolóxico). Amplía o seu horario dende o venres 3/12 ao mércores 8/12: 10:00h a 19:00h. O luns manterase pechado.
• MUSEO DO MAR. Aberto de sábado 4/12 ao mércores 8/12 (excepto martes 7/12): 11:00h – 14:00h / 16:00h -19:00h
• CASTELO DE SANTA CRUZ: Espazo público aberto todos os días: 10:00h-18:00h.

Estas datas da Ponte da Constitución tamén serán unha oportunidade para coñecer a figura de Eliseo Alonso Rodríguez, recentemente recoñecido como Fillo Adoptivo da Guarda, visitando as dúas exposicións na súa honra na Casa dos Alonso (Praza do Reló):
• Exposición bibliográfica titulada “Eliseo Alonso. Camiñando cara ao mar da Guarda”. O visitante descubrirá a vida literaria de Eliseo e doutras persoas de relevancia.
• Mostra filatélica coas coleccións de varios expositores. Ademais dunha tarxeta postal ilustrada personalizada e franqueada cun selo personalizado (gamela a vela da Guarda) e un sobre ilustrado con cuño postal conmemorativo.
Horario ata o 9 de decembro: De luns a venres: 11:00h a 13:00h. Fins de semana e festivos (luns 6/12 e mércores 8/12): 11:00h a 13:30h/16:00h a 19:00h.

Por último, lembrar que a Oficina Municipal de Turismo abre de luns a sábado de 10:00h a 14:00h e de 16:30h a 18:30h ata o 17 de decembro. Tamén consultas por mail a turismo@aguarda.es ou no tel. 986 61 45 46 (operativo o domingo 5/12).

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese