A Guarda regresa este domingo á época dos castros

27 de agosto de 2019·Por Prensa A Guarda1 minutos de lectura
Noticias Turismo

O vindeiro domingo día 1 de setembro a Alameda da Guarda acolle a cuarta edición da «Festa Castrexa», un evento no que se mestura a gastronomía coa exaltación das raíces castrexas da vila da Guarda, contando con moita animación e actividades paralelas ao longo do día. A Ler máis

O vindeiro domingo día 1 de setembro a Alameda da Guarda acolle a cuarta edición da «Festa Castrexa», un evento no que se mestura a gastronomía coa exaltación das raíces castrexas da vila da Guarda, contando con moita animación e actividades paralelas ao longo do día.

A «Festa Castrexa» arranca o domingo ás 11:00h con música, obradoiros relacionados coa cultura castrexa, apertura da Feira de Artesanía e saída dunha Andaina de dificultade baixa na que se visitará o Castelo de Santa Cruz e diferentes espazos do casco urbano da Guarda como a Igrexa Parroquial ou a Praza do Reló. Nesta andaina visitaranse tamén as exposicións de maquetas de Praxíteles González e Ramón González, amosando boa parte da arquitectura da comarca do Baixo Miño.

A partir das 13:00h realizarase unha comida na que se contará cunha oferta gastronómica na que se inclúen churrasco, polbo, carne ó caldeiro, empanadas, mexillóns, chourizos e sobremesas. Amenizarán a comida as actuacións en directo dos grupos Do Lusco ó Fusco, Tralo Mosteiro ou A Boalleira.

Ás 15:30h terá lugar unha exhibición de talla e escultura con motoserra, así como o inicio dos xogos populares para nenos e nenas.

Xa para rematar, ás 18:00h realizarase un concerto Folk.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese