A Concellaría de Turismo realiza unha valoración positiva dos datos de visitantes, turistas e peregrinos ao longo deste 2023. Durante este ano foron atendidas na Oficina de Turismo máis de 10.000 persoas interesadas en coñecer que visitar na Guarda e arredores, sendo entre todos os nosos activos, o Monte de Santa Ler máis
A Concellaría de Turismo fai unha valoración positiva dos datos de visitantes, turistas e peregrinos ao longo deste 2023.
Durante este ano foron atendidas na Oficina de Turismo máis de 10.000 persoas interesadas en coñecer que visitar na Guarda e arredores, sendo entre todos os nosos activos, o Monte de Santa Trega a consulta máis numerosa de todos os que nos visitan.
No verán as consultas sobre as visitas guiadas ao Castro de Santa Trega e as saídas de navegación na embarcación do Piueiro foron as actividades máis demandadas polos visitantes e, mesmo os veciños.
Segundo os datos recollidos ao longo destes meses, pódese aportar información máis detallada sobre a tipoloxía de visitantes e turistas. Concretamente, o 40% das persoas que visitaron a Oficina de Turismo atopábanse aloxadas no noso pobo, sendo estancias máis longas durante os meses de verán. Unha gran porcentaxe dos turistas son de orixe nacional, con procedencia maioritaria de Madrid e Castela e León, seguidos de País Vasco e Andalucía, destacando o aumento dos visitantes destas comunidades autónomas respecto a outros anos. Os visitantes internacionais foron maioritariamente peregrinos, coa excepción de portugueses e franceses, nacionalidades que cada vez máis se decantan polo noso municipio como destino. Destacar tamén que, preto do 10% dos visitantes e turistas repetiron a súa visita.
Durante o 2023 a Oficina de turismo ampliou o seu horario e datas de apertura co obxectivo de mellorar a atención dos peregrinos. Para ofrecer esta atención o Concello da Guarda percibiu unha subvención da Deputación de Pontevedra para dotar de dous informadores turísticos grazas a que a Oficina de Turismo está integrada na Rede provincial de Info dende 2018.
A previsión para 2023 era dun incremento notable de peregrinos, confirmándose co número de 4.000 peregrinos atendidos na Oficina durante este ano. Estes datos afianzan a importancia da Guarda no Camiño Portugués da Costa. A atención dos peregrinos na Oficina foi principalmente selar a súa credencial e resolver algunha consulta sobre o camiño ou o noso municipio. Ademais da atención presencial, foron constantes as consultas por teléfono ou mail co obxecto de organizar con anterioridade a peregrinación de todos aqueles que se decantan polo noso camiño.
O albergue municipal de peregrinos durante 2023 estivo aberto dende o 17 de xaneiro ata o 17 de decembro, dando aloxamento a máis de 4.000 peregrinos. O crecemento deste camiño queda acreditado polos datos da Oficina de Peregrinos en Santiago de Compostela rexistrando a máis de 53.000 peregrinos que recolleron a súa Compostela, antes dos datos finais de peche de ano. En 2022 os peregrinos rexistrados en Santiago roldaron os 30.000, polo que a evolución deste camiño é evidente, incrementándose a chegada en máis de 20.000 peregrinos durante o 2023.
O Monte Santa Trega, tal e como se comentou, pódese afirmar que segue a ser o recurso máis destacado da Guarda, mantendo os visitantes anuais, destacando a boa acollida das visitas guiadas de verán centradas no Castro de Santa Trega. Houbo un incremento notable das visitas didácticas concertadas para os centros escolares e tamén para adultos. Mostra deste interese son as reservas para este tipo de visitas realizadas por colexios para a segunda quincena de febreiro do próximo ano. O MASAT, Museo de Santa Trega, pecha o día 30 de decembro reabrindo as súas portas o 15 de febreiro.
Esta valoración positiva dos datos tamén se reflectiu nos bos resultados, tanto en visitantes como en racións vendidas, da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira na súa edición XXXI. Este bo resultado en 2023 é un aliciente para a organización da próxima edición que terá lugar os días 5, 6 e 7 de xullo de 2024.
Co fin de modernizar e dar un novo aire no outono lanzouse unha nova imaxe e eslogan para a promoción da Guarda así como unha web con mapas dixitais que ofrecen rutas e recursos para visitar.
Por último, destacar que a Axencia de Turismo repetiu a iniciativa da iluminación de edificios emblemáticos dos Camiños a Santiago coa frecha amarela durante estas semanas de Nadal. A Guarda como primeiro municipio galego do Camiño Portugués da Costa conta coa frecha iluminando a Torre do Reló.