A Guarda remata o mes de xullo con música, gastronomía, deporte e talento creativo

26 de xullo de 2022·Por Prensa A Guarda7 minutos de lectura
Noticias Turismo

O Concello da Guarda continúa esta semana coas actividades da Axenda Verán 2022, un amplo programa de actividades, para todos os gustos e para todas as idades, que se prolonga ata setembro con concertos, exposicións, actividades de rúa, eventos deportivos, festas gastronómicas, populares e relixiosas, entre outros. A concelleira de Cultura, Montserrat Ler máis

O Concello da Guarda continúa esta semana coas actividades da Axenda Verán 2022, un amplo programa de actividades, para todos os gustos e para todas as idades, que se prolonga ata setembro con concertos, exposicións, actividades de rúa, eventos deportivos, festas gastronómicas, populares e relixiosas, entre outros.

A concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes, destaca a gran aposta do Concello para levar a cabo unha programación variada e atractiva, tanto para os guardeses como para os visitantes, e que seguro que non deixará indiferente a ninguén.

Montserrat Magallanes indicou na presentación desta axenda que A Guarda contará este ano cun verán no que se retoma a actividade cultural, lúdica e deportiva tras a pandemia, froito dun extenso traballo de programación e organización que xa se ve reflectido na gran cantidade de actos incluídos nesta Axenda do verán de 2022.

O Alcalde da Guarda convida a visitantes e guardeses a participar neste programa da Axenda Verán 2022, cunha variedade e calidade de actos que dinamizarán todo o tecido empresarial da localidade, atraendo a moita xente e fomentando ademais a actividade comercial da localidade da Guarda.

O Concello da Guarda quere agradecer a todas as asociacións culturais e deportivas da localidade, que co seu traballo enriquecen o noso pobo e conseguen facer sorrir, gozar e pasar un bo rato a todas as persoas que acoden a participar con elas da cultura e deporte no noso municipio. Despois da pandemia necesitamos recuperar o tempo perdido e volver gozar dos bos momentos, enchendo as nosas rúas de música, baile, cinema e outras expresións artísticas.

Dende o día 26 de xullo a Casa dos Alonso acolle a Exposición de Chuny Alonso, na que se poden observar e apreciar os traballos e pinturas da artista guardesa realizados nos últimos anos. A exposición pódese visitar de luns a sábado en horario de 10:30h a 13:30h e de 19:00h a 21:00h.
O xoves día 28 de xullo chega a música a “Miúdo Verán” co concerto de Pakolas “Rockeando con Ramona Órbita, a dona do tempo”, ás 20:30h na Praza do Reló. Pakolas preséntanos o seu último libro Disco, onde se contará e se cantará a historia de Ramona Órbita, unha muller labrega da Serra do Courel, que ten unha horta cibernética con patacas automáticas, e que ademais ten unha máquina do tempo, o seu mellor invento. Con ela viaxa ao futuro e ao pasado na busca de tecnoloxía para crear un mundo mellor, máis ecolóxico e con enerxías limpas. En caso de choiva o evento terá lugar no Centro Cultural.

Do 29 ao 31 de xullo ORPAGU organiza a Festa do Peixe Espada, un evento no que a gastronomía será o prato forte da súa programación, que estará centrada nos restaurantes da nosa vila, coa participación dos establecementos Area Grande, Marusía, Trasmallo, Arruaz, Novo Funil, Bitadorna, O Cangrexal, Casa Valladeiro, O Roxo, La Pizzicata, e Os Remos, todos eles contarán cun prato especial de Peixe Espada á prancha con cachelos. Ademais a Festa do Peixe Espada contará con diversas actividades como pasarrúas, música en directo, obradoiros, exposicións, contacontos infantís, visitas guiadas, entre outras actividades.

O Concello da Guarda e Acontravento, marca de roupa local, organizarán por segundo ano consecutivo a II Mostra Creativa do Baixo Miño, que terá lugar o sábado 30 de xullo na Praza de Avelino Vicente en horario de 10:30h a 15:30h e de 18:30h a 22:30h, un evento de referencia e con periodicidade anual onde amosar o gran talento que temos no Baixo Miño, con preto de vinte participantes. Ata este momento xa confirmaron a súa asistencia a esta segunda edición as seguintes marcas e talentos creativos: Acontravento, Ada Negra, Ana de la Guerra, Coco, Eduar Clothing, La Casa Taller, Littlevero, Luc & Luc – Inma Losada, Mar Jewelrin, Marina San Miguel, Marron Glaçe, Matriz Galega, Sapone di Principessa, Silvia Pérez, Vargas Lemos, Vikensen…
Este ano a Mostra creativa únese á Festa do Peixe Espada organizada dende ORPAGU(29-31 de xullo), compartindo parte da programación, como son os pasarrúas ou a actividade do Obradoiro Infantil sobre o Peixe Espada.

Tamén na xornada do sábado día 30 de xullo ás 20:30h o Campo de Fútbol da Sangriña acolle un evento deportivo no que se realizarán preto de 25 demostracións de danza, zumba, defensa persoal, acrobacias, pilates e xudo, baixo a organización do Club Deportivo Baixo Miño.

A Axenda de Verán continúa en agosto e setembro con actividades como o Festival de Danza Moderna de Xamaraina, a programación de actividades infantís de «Miúdo Verán» (todos os xoves), eventos deportivos, presentación de libros e exposicións, Festas de San Caetano, Encontro do libro Luso-Galaico, Festa do Percebe, concerto da Agrupación Musical da Guarda, Festas da Virxe da Guía, as Festas das Mercedes ou a Mostra Asociativa.

Mención especial neste programa para as Festas do Monte, que terán lugar do 8 ao 15 de agosto, a semana grande de festas da Guarda, unha semana na que se combinan as noites de verbenas con diferentes actividades deportivas e culturais. O sábado 13 de agosto ás 11:30 horas ten lugar o Desfile de Bandas Folklóricas e Mariñeiras, multitudinario desfile previo ao día grande do Domingo do Monte, no que dende a mañá as Bandas Mariñeiras soben á cima do monte Santa Trega para realizar as súas xuramentos ao son de bombos, tambores e gaitas. As festas rematarán a noite do luns 15 de agosto cunha gran tirada de fogos artificiais en Porto da Guarda.

EXPOSICIÓNS

A Guarda tamén terá este verán unha importante exposición pictórica que estará na Casa dos Alonso entre o 26 de xullo e o 13 de agosto, e na que se poderán observar e apreciar as obras e pinturas do artista da Guarda, Chuny Alonso.

VISITAS GUIADAS AO CASTRO DE SANTA TREGA

Durante todo o verán e de martes a domingo ofrécense visitas guiadas ao Castro de Santa Trega, unha oportunidade para coñecer o noso patrimonio con visitas que terán lugar en
12:00, 13:00, 18:00 e 19:00
Inscricións e información no enderezo de correo electrónico masat@aguarda.es ou no teléfono 690 017 038.
PROGRAMA COMPLETO

28 DE XULLO
CONCERTO INFANTIL ROCKEANDO CON RAMONA ÓRBITA, A DONA DO TEMPO
Na Praza do Reló ás 20:30

29, 30, 31 XULLO
FESTA DO PEIXE ESPADA
Nos restaurantes da vila
Organizado por: ORPAGU

30 DE XULLO
MOSTRA CREATIVA DO BAIXO MIÑO
Na praza de Avelino Vicente

30 DE XULLO
EVENTO DEPORTIVO DO CLUB DE JUDO BAIXO MIÑO
No campo de fútbol da Sangriña ás 20:30
Organiza: Club de Judo Baixo Miño.

4 DE AGOSTO
ESPECTÁCULO DE CIRCO “CARMAN”
No Auditorio de San Benito ás 20:30

4 DE AGOSTO
PRESENTACIÓN DO LIBRO “SOBRE A CRIANZA”, de Jesús Rodríguez Salazar.
No Centro Cultural ás 19:30 horas.

4, 5, 6, 7 AGOSTO
FESTAS DE SAN CAETANO
No Barrio da Cruzada
Organiza: Comisión de Festas de San Caetano

8 ao 15 DE AGOSTO
FESTAS DO MONTE
Na Alameda e rúas da vila.
Organiza: A.V C.D. alameda

11 DE AGOSTO
GALICIA ILUSIONA, ILUSIONISMO
No Auditorio de San Benito ás 20:30 horas.

19, 20 AGOSTO
III ENCONTRO DO LIBRO LUSO GALAICO
Na Praza do Reló

20 DE AGOSTO
FEIRA OUTLET
Na Praza de Avelino Vicente
Organizado por: ACIGU

20 DE AGOSTO
II TORNEO DE PETANCA CONCELLO DA GUARDA
No Campo Codesal

24 DE AGOSTO
CONCERTO DE MÚSICA NO AR
No atrio da Igrexa Parroquial ás 20:30 horas.
Organiza: Deputación de Pontevedra

23,27 E 28 DE AGOSTO
FESTA DO PERCEBE
Na Alameda da Guarda
Organizado por: A.C. alameda

26 DE AGOSTO
TEATRO CRÓNICAS DO PARAÍSO
Na Praza do Reló ás 21:30 h.

27 DE AGOSTO
CONCERTO DE VERÁN DA BANDA DA GUARDA
No Auditorio de San Benito ás 20:30
Organiza: Agrupación Musical da Guarda

28 DE AGOSTO
FESTIVAL DE DANZA MODERNA «REMEMBER»
No Auditorio de San Benito ás 20:00 horas
Organizado por: A.C. Xamaraína

28 DE AGOSTO
CARREIRA PEDESTRE VIRXE DA GUÍA
Na Praza da Guía ás 19:00
Organiza: Comisión de Festas Virxe da Guía

2, 3, 4 DE SETEMBRO
FESTAS VIRXE DA GUÍA
Na Praza da Guía
Organiza: Comisión de Festas Virxe da Guía

3 DE SETEMBRO
PERFORMANCE FOCO, PROXECTOS ANTIBULOS
Na Praza de Avelino Vicente ás 12:00 horas.
Organiza: A. FOCO

DO 3 AO 25 DE SETEMBRO
FESTAS DAS MERCEDES A GÁNDARA
No barrio da Gándara
Organiza: A.V V. O Percamino

10 DE SETEMBRO
MOSTRA ASOCIATIVA
Na Praza de Avelino Vicente a partir das 15:30 horas

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese