A Guarda volve a celebrar a Semana Santa

7 de abril de 2022·Por Prensa A Guarda3 minutos de lectura
Noticias Turismo

Despois de dous anos, A Guarda volverá a celebrar a Semana Santa con certa normalidade, retomando a súa programación e actos relixiosos. A Oficina de Turismo da Guarda situada na Praza do Reloxo estará aberta dende o luns 11 ata o sábado 16 de abril cun horario máis amplo de 10.30 a 14.00 horas Ler máis

Despois de dous anos, A Guarda volverá a celebrar a Semana Santa con certa normalidade, retomando a súa programación e actos relixiosos.

A Oficina de Turismo da Guarda situada na Praza do Reloxo estará aberta dende o luns 11 ata o sábado 16 de abril cun horario máis amplo de 10.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.00 horas. Esta ampliación do horario de atención é grazas á incorporación do primeiro informador turístico financiado pola Deputación de Pontevedra. Para calquera consulta tamén pode contactar ao tel. 986 61 45 46 ou turismo@aguarda.es

Esta Semana Santa retómanse as habituais visitas guiadas ao Castro de Santa Trega, e incrementáronse os días ofertados debido ás consultas recibidas. Así, dende o martes 12 ata o domingo 17 de abril poderás coñecer en detalle o xacemento castrexo máis destacado de Galicia en tres quendas cada día: 12:00 / 18:00 e 19:00 horas. As visitas guiadas son gratuítas pero requiren inscrición previa no tel. 690017038 ou en masat@aguarda.es. O punto de partida é a explanada da Casa do Bosque, a casa de pedra que se atopa tras atravesar a zona escavada do castro.

En canto ao horario de apertura da Rede de Museos da Guarda:
• MASAT- MUSEO ARQUEOLÓXICO DE SANTA TREGA. 10:00 – 20:00 (Excepto luns)
• MUSEO DO MAR- ATALAIA. Xoves a Domingo: 11:00 a 14:00 / 16:00 a 19:00
• CASTELO DE SANTA CRUZ como espazo público: 10:00 – 21:00

A Guarda comezará oficialmente a Semana Santa mañá, 8 de abril, coa celebración da Procesión do «Venres de Doras», a partir das 21:00 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María.
Outros actos relixiosos destacados son as procesións e a tradicional bendición de ramos e palmóns o 10 de abril (Domingo de Ramos) na Praza de San Benito ás 11:00 horas.
O Xoves Santo estará marcado pola “Procesión dos Pasos”, con saída ás 20:30 horas dende a Igrexa Parroquial de Santa María. O Venres Santo terá lugar dende o mesmo punto a “Procesión do Encontro” (11:00 horas) e a “Procesión do Santo Enterro” (20:30 horas).

A Semana Santa da Guarda marca tamén o final das festas de Semana Santa de Buxán, que comezarán este sábado 9 de abril coa celebración do «Serán de Buxán» ás 22:00 horas. A festa continuará o vindeiro sábado 16 de abril cos tradicionais xogos populares (11:00 h para nenos e 16:00 h para adultos) e a festa posterior, amenizada polo Trío A Noite e Grupo América (23:00 h) .

O día 17 de abril, Domingo de Resurrección, a partir das 11:00 horas poderanse degustar pratos autóctonos como a zorza e os callos amenizados co grupo Airiños do Folón. A tarde está reservada para a tradicional Festa da Galleta con inchables para nenos e ás 19:30 horas a clausura correrá a cargo do grupo folclórico Zurumalla.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese