A praia de O Muíño volverá a lucir o distintivo de Bandeira Azul este verán

14 de xullo de 2023·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

As praias de «O Muíño» e «Area Grande» do Concello da Guarda recibiron este verán o distintivo de Bandeira Azul que outorga ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), en recoñecemento á súa calidade ambiental e aos servizos que ofrecen. Ademais, concedeuse o distintivo de “Sendero Azul” ao cruce dos camiños Ler máis

As praias de «O Muíño» e «Area Grande» do Concello da Guarda recibiron este verán o distintivo de Bandeira Azul que outorga ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), en recoñecemento á súa calidade ambiental e aos servizos que ofrecen. Ademais, concedeuse o distintivo de “Sendero Azul” ao cruzamento dos camiños que discorren pola costa da Guarda entre estas dúas praias.

 

Tras renunciar ás Bandeiras Azuis que se concederan a tempada pasada, por non contar con aspirantes a socorristas, o Concello da Guarda contará este verán cun cadro de persoal de servizo composto por catro socorristas contratados; dous dos socorristas acudirán de luns a domingo á praia do Muíño, cumprindo así con este requisito para poder izar a Bandeira Azul. No caso da praia de Area Grande, o servizo só se activará de venres a domingo, dispoñendo tamén de dous socorristas nesta praia durante eses días da semana. O servizo de primeiros auxilios prestarase no período comprendido entre o pasado sábado 8 de xullo e o 8 de setembro, en horario de 12:00 a 20:00 horas.

 

A praia do Muíño, ademais de estar adaptada para persoas con diversidade motriz con pasarela accesible e cadeira anfibia, conta con outros servizos requiridos por Bandeira Azul, como son: paneis informativos, análises de auga con resultados de «excelente» nos catro anteriores veráns, servizo de limpeza e recollida de lixos así como aseos.

A ADEAC comunicou ao Concello da Guarda a autorización para izar a bandeira malia os danos nos accesos á praia provocados polas inundacións do pasado inverno; A reparación desta zona foi unha prioridade desde o primeiro día para o actual equipo de goberno, só resta, tras realizar as xestións correspondentes con carácter de urxencia, esperar a recibir os permisos da autoridade de Costas para realizar as obras de remodelación necesarias.

Por último, cabe sinalar que, ademais da Bandeira Azul na Praia do Muíño, tamén se izou o distintivo Ecoplaya que outorga a Asociación Técnica de Xestión de Residuos e Medio Ambiente. Este distintivo recoñece o esforzo da limpeza manual de praias, respectando o delicado ecosistema dunar como espazo protexido «Red Natura 2000» no que se integra esta praia.

 

Dito todo o anterior, desde o Concello da Guarda queren animar a todos a gozar das fermosas praias que ten o noso municipio.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese