Preto dunha vintena de establecementos hostaleiros participarán na ruta, na que se ofrecerán variadas tapas a un prezo único de 2€. A Guarda acollerá a quinta edición da ruta gastronómica «Tapearte» a partir do venres 18 de maio. Durante tres fins de semana consecutivos, veciños e visitantes poderán degustar preto dunha Ler máis
Preto dunha vintena de establecementos hostaleiros participarán na ruta, na que se ofrecerán variadas tapas a un prezo único de 2€.
A Guarda acollerá a quinta edición da ruta gastronómica «Tapearte» a partir do venres 18 de maio. Durante tres fins de semana consecutivos, veciños e visitantes poderán degustar preto dunha vintena de diferentes tapas nos establecementos guardeses adheridos, que ofrecerán as súas creacións a un prezo unitario de 2€.
A ruta gastronómica, organizada polo Concello da Guarda, poderá realizarse os venres, sábados e domingos dende o 18 de maio ata o 3 de xuño. O seu obxectivo é impulsar a gastronomía local e promocionar as populares alfombras florais do Santísimo, que se realizan no casco antigo do pobo na noite do sábado 2 de xuño.
Nesta nova edición, «Tapearte» contará cun total de 19 bares e restaurantes guardeses adheridos: Alameda, Art Café, Bitadorna, Boc & Pix, Camping Santa Tecla, Celtic, El Paseo, Enxebre, Kanella’s, La Botica, La Casilla, La Pizzicata, Marbella, Novo Funil, O Cangrexal, Pool Chaos, Xantar, Xeito e Y la luna?.
Os «ruteros» e as «ruteras» contarán cun pasaporte no que, ademais da información necesaria para a realización do seu propio itinerario gastronómico, poderán selar aquelas tapas que degustasen e participar así en sorteos de produtos. Para iso, será necesario depositar os pasaportes cun mínimo de 6 selos nas urnas que estarán dispoñibles en cada un dos establecementos participantes e na Oficina de Turismo do Concello da Guarda. Ademais, aquelas persoas que reúnan un mínimo de 10 selos recibirán un agasallo directo.
Os participantes na ruta como comensais poderán, ademais, valorar a calidade das tapas consumidas. Froito desa valoración, a organización anunciará os gañadores do Concurso da Mellor Tapa «Tapearte» 2018, con premios en dúas categorías: a tapa mellor valorada e a preparación máis consumida.