A Xunta celebra o Día Mundial do Turismo co anuncio da ampliación da sinalización da ruta Eurovelo cun investimento de 1,4 M€

27 de setembro de 2023·Por Prensa A Guarda3 minutos de lectura
Noticias Turismo

O Miradoiro das Lourenzas na Guarda foi o lugar escollido este ano para celebrar o Día Mundial do Turismo, centrado na innovación e nos investimentos verdes. É por iso que o director de Turismo de Galicia, acompañado de representantes do sector turístico e concellos do Baixo Miño desprazáronse ata o lugar Ler máis

O Miradoiro das Lourenzas na Guarda foi o lugar escollido este ano para celebrar o Día Mundial do Turismo, centrado na innovación e nos investimentos verdes. É por iso que o director de Turismo de Galicia, acompañado de representantes do sector turístico e concellos do baixo Miño desprazáronse ata o lugar para anunciar a próxima sinalización da Ruta Cicloturista Costa Atlántica Eurovelo V1, que unirá Tui con Fisterra co obxectivo de seguir facilitando infraestruturas verdes e sostibles, no marco do impulso ao cicloturismo e a un turismo sostible.

Cun investimento previsto de 1,4 M€, a sinalización desta ruta permitirá garantir unha mellor convivencia entre cicloturistas, peregrinos e veciñanza, xa que o seu trazado coincide en boa medida co Camiño Portugués. “Falar de cicloturismo é falar de iniciativas que fan de Galicia un destino mellor, un destino sostible e un destino diferenciado no que o fomento do turismo deportivo contribúen a facer de Galicia un destino de turismo tranquilo que medra con sentidiño”, explicou Xosé Merelles, que percorreu un tramo da futura vía en bicicletas eléctricas acompañado de alcaldes e concelleiros do territorio.

Durante o acto, o director de Turismo de Galicia aproveitou para pór en valor os excelentes resultados que está a conseguir Galicia o ano despois do remate do Xacobeo. “Vimos de coñecer as cifras de ocupación do mes de agosto, que nos volven situar en cifras moi similares a agosto do ano pasado, no que acadamos unha cifra récord, o que nos indica que logramos manter o noso atractivo seguimos marcando récords históricos, coa chegada de 4,5 M de viaxeiros e case 8,5 M de noites no que vai de ano e a falta de coñecer aínda as últimas cifras do turismo extrahoteleiro”, explicou.

Boa ocupación e recuperación do turista estranxeiro

Este mes de agosto Galicia recibiu 720 mil viaxeiros aloxados e algo máis de 1,6 millóns de noites nos establecementos hoteleiros da comunidade, o que se traduce nun dato histórico ao subir un punto a cifra récord acadada no histórico Ano Santo 2022.

Durante o verán o viaxeiro maioritario foi o nacional (80% do total de viaxeiros) pero cunha importante subida do internacional, que con 331 mil noites supera nun 13% a cifra previa á pandemia, de 2019, acadando unha ocupación media do 67% e unha estadía media que mellorou nun punto e medio a cifra do ano pasado ata as 2,27 noites

“Estamos no bo camiño pero agora tócanos seguir traballando para consolidar estes datos e medrar de maneira sostible e rendible, apostando por un desenvolvemento turístico responsable e de calidade”, rematou Xosé Merelles

Rede EuroVelo

Coa sinalización da Ruta Costa Atlántica V1 entre Tui e Fisterra, Galicia será un dos poucos territorios nacionais cunha das rutas cicloturistas internacionais sinalizadas: a que percorre toda o litoral atlántico europeo durante máis de 2.000 quilómetros e a V3 ou Ruta dos Peregrinos, que transcorre en moitos países seguindo o trazado do Camiño de Santiago. Ambas as rutas confluirán en Fisterra, pechando así un proxecto de sinalización das rutas cicloturistas en Galicia, nas que coincidirán peregrinos e ciclistas, en máis de 565 quilómetros.

A Rede Eurovelo é unha rede que atravesa 42 países ao longo de máis de 90.000 quilómetros por toda Europa e que é empregada tanto por cicloturistas como polos habitantes locais que realizan os seus traxectos diarios. O seu impulso encaixa cos obxectivos de mobilidade sostible e verde da Axenda 2030, ademais de que, ano a ano, increméntase o número de peregrinos que fan o Camiño en bicicleta, ademais dos que empregan este medio como transporte ou no ámbito deportivo.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese