A XXXIII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira da Guarda amplía o seu horario

4 de xuño de 2025·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

Xa temos datas para a XXXIII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira da Guarda. Como sempre, celebrarase na primeira fin de semana de xullo, os días 4, 5 e 6 de xullo, pero trae unha novidade: a festa adiantase ao venres ás 12:00h da mañá. En Ler máis

Xa temos datas para a XXXIII Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira da Guarda. Como sempre, celebrarase na primeira fin de semana de xullo, os días 4, 5 e 6 de xullo, pero trae unha novidade: a festa adiantase ao venres ás 12:00h da mañá.

Nesta edición, o Concello da Guarda aposta por ampliar a festa tras os excelentes datos de asistencia o ano pasado, cando se venderon máis de 700kg de lagosta (270kg só o sábado ao mediodía). Deste xeito, ademais do horario, tamén se amplía a capacidade da carpa ata os 600 comensais para que veciños e visitantes, poidan gozar comodamente desta festa.

Polo tanto, unha carpa de 1.200 metros cadrados estará aberta durante os tres días da fin de semana no porto da Guarda para gozar dunha comida excepcional. Entre os máis de 20 produtos e pratos mariñeiros, a lagosta segue sendo a protagonista e os restaurantes ofrecen a lagosta cociñada e á prancha. Dende a primeira edición a sobremesa estrela que acompaña a lagosta é a rosca de xema, sobremesa típica guardesa dende hai máis de 70 anos.

A Festa da Lagosta traspasa o eido gastronómico e terá unha proposta musical e lúdica para achegarse a todos os públicos. Ao longo deste mes de xuño daranse a coñecer outras novidades, como a programación completa e tamén o nome da persoa encargada do pregón este ano.

“Estamos moi contentos de que a Festa da Lagosta e da cociña mariñeira siga medrando, este ano xa incluíndo tamén o mediodía do venres”, manifestaba o alcalde, Roberto Carrero, “A Guarda xa é ese fin de semana o referente de festa gastronómica en Galicia”.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese