A Guarda conta esta fin de semana con varias actividades nas que destacan a Feira de Emprego “Ecoimaxín”, a representación teatral de Raclette e a última actividade das celebracións do Día da Biblioteca. VENRES 25: Dende este xoves día 24 de outubro, a Casa dos Alonso da Guarda acolle a Ler máis
A Guarda conta esta fin de semana con varias actividades nas que destacan a Feira de Emprego “Ecoimaxín”, a representación teatral de Raclette e a última actividade das celebracións do Día da Biblioteca.
VENRES 25:
Dende este xoves día 24 de outubro, a Casa dos Alonso da Guarda acolle a Feira de Emprego «Ecoimaxín».
Na xornada do venres 25 terán lugar dúas pílulas formativas a cargo de Sandra Fernández Prado, Consultora e Auditora interna en sistemas integrados de xestión (calidade, medio ambiente, prevención riscos laborais e responsabilidade social empresarial) sobre «Novos perfís profesionais para un mundo sostible». Sandra Fernández é Especialista de Desenvolvemento de RSE en pemes, cunha experiencia de máis de 3 anos en asistencia técnica a programas da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.
A segunda pílula formativa será a cargo de Sandra Touza, Xerente de «Ponlle cara ao turismo» e CEO de imalocal.es (consultoría, plans estratéxicos, dinamización territorial, promoción turística e formación en turismo creativo, comunitario e industrial). sobre «Turismo Sostible, impacto no desenvolvemento local», ámbalas dúas pílulas, os dous días en horario de 10:00h a 12:00h. Sandra Touza defínese como unha muller emprendedora incansable de espírito libre e forte. Caracterízase pola súa transparencia, ganas de mellorar cada día ante os obstáculos con perseveranza e positividade.
Esta é a terceira edición da Feira de Emprego e Formación da Guarda, o primeiro ano estivo enfocada ao emprendemento a nivel local, a segunda edición na tecnoloxía como motor xerador de emprego e esta edición na sustentabilidade.
O Centro Cultural da Guarda acolle o vindeiro venres día 25 de outubro ás 21:00h a representación teatral de «Raclette» a cargo da Compañía Ibuprofeno Teatro.
«Raclette» é unha xira de Ibuprofeno Teatro, na que a compañía asume producións dun formato superior con elencos máis numerosos, caracterizadas polo rigor na posta en escena, no traballo interpretativo e na concepción dos textos e dos procesos de creación, centrados na obra dramatúrxica de Santiago Cortegoso.
O realismo é a base da posta en escena e do traballo interpretativo. Os actores e actrices cociñan e comen comida real, diante do público, que apreciará o transcurso da cea non só pola vista e o oído, senón tamén polo olfacto. O peso da función recae no que transmiten os personaxes, na intensidade das relacións que se establecen entre eles, na transcendencia do que din e do que calan, nos xestos, nas miradas…
SÁBADO 26:
Dende este xoves día 24 de outubro, a Casa dos Alonso da Guarda acolle a Feira de Emprego «Ecoimaxín».
Para pechar esta edición da Feira de Emprego e Formación, a xornada do sábado día 26 de outubro estará dedicada a unha Feira de Empresas, que terá lugar de 10:00h a 14:00h e na que se presentará o portal de Emprego da Guarda e de 12:00- 13:00 horas presentaranse empresas eco da contorna.
Esta é a terceira edición da Feira de Emprego e Formación da Guarda, o primeiro ano estivo enfocada ao emprendemento a nivel local, a segunda edición na tecnoloxía como motor xerador de emprego e esta edición na sustentabilidade.
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda remata esta semana as actividades para conmemorar o día da Biblioteca 2019, que se celebra cada ano o 24 de outubro. O obxectivo destas actividades é a animación á lectura durante o mes de outubro.
Xa para rematar a programación deste ano o sábado día 26 de outubro ás 11:30h terá lugar a última actividade co Taller de creación de teatros de papel: O obxectivo do taller é fomentar a lectura como vehículo para xerar historias e potenciar a creatividade. Ensinamos a construír a maqueta dun teatro clásico e a crear escenarios e personaxes a partir de lecturas existentes ou inventando narrativas novas. O taller promove destrezas motrices, o contacto coas artes plásticas, a convivencia e a colaboración entre os participantes. Público recomendado: Nenas e nenos entre 6 e 12 anos.