A Guarda recupera unha das festas tradicionais da localidade tras a pandemia da COVID-19 e convida a veciños e visitantes a gozar realizando alfombras florais. Esta fin de semana celébrase a festividade do Corpus Christi na localidade da Guarda e dende hai semanas moitas persoas traballan con gran esforzo e Ler máis
- A Guarda recupera unha das festas tradicionais da localidade tras a pandemia da COVID-19 e convida a veciños e visitantes a gozar realizando alfombras florais.
Esta fin de semana celébrase a festividade do Corpus Christi na localidade da Guarda e dende hai semanas moitas persoas traballan con gran esforzo e dedicación na elaboración dos diferentes materiais que se utilizarán este domingo pola mañá para realizar as Alfombras Florais.
Desta maneira traballan conxuntamente os veciños do pobo, quen colectivamente se organizan para levar a cabo esta actividade, a realización duns 2300 metros cadrados de superficie en tapices florais que brillarán, no seu máximo esplendor, na madrugada do domingo cando comecen as obras do cento de alfombristas das 10 rúas que lucirán alfombras florais nesta ocasión.
Existen datos antigos que demostran a importancia da celebración da Festa do Corpus Christi na Guarda dende o século XVIII, sendo a celebración do Corpus Christi e o Santísimo Sacramento as principais festas cívico-relixiosas da Guarda.
A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é actualmente a encargada de velar pola promoción e mantemento da tradición histórica das alfombras florais do Corpus da Guarda, así como de dar a coñecer, valorar e visibilizar o traballo e o orgullo que supón polos seus veciños, membros e colaboradores, e a poboación Guardesa en xeral.
O Concello da Guarda quere agradecer a todas as persoas que traballan para que esta celebración continúe e os visitantes e veciños poidan gozar delas, un gran esforzo que se ve recompensado cos espectaculares resultados unha vez realizadas, sendo auténticas obras de arte en flor.