O programa Degusta Europa chegou á Praza de Abastos da Guarda na mañá deste xoves día 11 de abril coas elaboracións realizadas polos alumnos do CIFP Manuel Antonio de Vigo. Esta experiencia con degustacións culinarias en distintos mercados da provincia, naceu en 2016 co gallo do Día de Ler máis
O programa Degusta Europa chegou á Praza de Abastos da Guarda na mañá deste xoves día 11 de abril coas elaboracións realizadas polos alumnos do CIFP Manuel Antonio de Vigo.
Esta experiencia con degustacións culinarias en distintos mercados da provincia, naceu en 2016 con motivo do Día de Europa, que conmemora os principais valores da UE: a paz, a estabilidade, a solidariedade e a unidade do continente. A Deputación de Pontevedra defende esta necesaria reivindicación para manter o proxecto europeo común e, ao mesmo tempo, revalorizar a gastronomía e impulsar os mercados provinciais e as materias primas da provincia de Pontevedra.
A través de Degusta Europa preténdese promover e potenciar o local e autóctono: os mercados municipais e os excelentes produtos da nosa terra, que se deben converter tamén nun punto de atracción para as e os turistas. Este programa dá a coñecer, ademais, o traballo do alumnado de dúas das escolas de hostalaría máis importantes da nosa provincia: os centros Manuel Antonio, de Vigo, e Carlos Oroza, de Pontevedra.

Este ano Degusta Europa está vinculado á campaña «Fame de experiencias?», que potencia a enogastronomía; pretende, como cada ano, dinamizar os mercados municipais dándolles un toque de innovación e vangarda. En todas as actividades o alumnado dos dous centros traballará con produtos das nosas rías e da nosa terra para elaborar unha serie de tapas inspiradas na temática europea.
A Deputada Provincial, Montserrat Magallanes, valorou esta experiencia como moi importante para potenciar e poñer en valor os mercados e prazas de abastos da Provincia de Pontevedra. Por outra banda, Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, destacou o bo facer e a profesionalidade nas diferentes tapas e bebidas elaboradas, unha mostra do potencial destes alumnos, que pasarán proximamente a formar parte do sector hostaleiro e gastronómico galego.
