O pasado xoves, 16 de novembro, o salón de exposicións do Centro Cultural acolleu a presentación da ruta «Petiscos con arte», unha iniciativa na que se mesturan a arte e a gastronomía guardesa en pequeno formato. No acto, representantes dos establecementos e artistas participantes amosaron unha mostra das súas obras artísticas e Ler máis
O pasado xoves, 16 de novembro, o salón de exposicións do Centro Cultural acolleu a presentación da ruta «Petiscos con arte», unha iniciativa na que se mesturan a arte e a gastronomía guardesa en pequeno formato. No acto, representantes dos establecementos e artistas participantes amosaron unha mostra das súas obras artísticas e degustacións, das que se poderá gozar os días 17, 18, 19, 24, 25 e 26 de novembro.
Presentación da nova ruta
A concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes, foi a encargada de dar comezo ao acto de presentación deste novo percorrido gastronómico, agradecendo a implicación das 15 cafeterías e restaurantes nesta iniciativa, que permite ás veciñas, veciños e visitantes gozar da nosa gastronomía en forma de ‘petiscos’ a un prezo único de 1,5€ a unidade.
A concelleira presentou o vídeo promocional desta ruta, no que se pode contemplar unha parte das exposicións de fotografía, pintura e escultura que se poden gozar durante esta última quincena de novembro nos locais participantes.
Pola súa banda, o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, aproveitou o acto para agradecer a participación e o compromiso dos artistas e hostaleiros participantes. «Hai unha característica común ás sociedades que menos rápido se desenvolven e outra común ás que o fan máis rápido. Nas primeiras, cando alguén emprende un proxecto e despunta, é obxecto de críticas. No segundo caso, son obxecto de ánimo e aplauso», expuxo o rexedor local. Nesta liña, asegurou Lomba, «tes todo o noso aplauso pola vosa actitude emprendedora e proactiva».
O alcalde quixo felicitar, tamén ao departamento de Turismo polo seu traballo e esforzo organizativo, así como ao departamento de comunicación, pola dedicación na súa difusión. «Sabedes que sempre ides ter connosco ao voso carón para traballar xuntos; para medrar xuntos», concluíu Lomba.
Características da ruta
As persoas interesadas en realizar o percorrido dispoñen dun folleto informativo no que se recollen os establecementos participantes, cunha fotografía e descrición do ‘petisco’ ofertado e unha breve referencia ao artista e as obras que se poden contemplar en cada local.
O percorrido gastronómico celébrase os venres, sábados e domingos desta segunda quincena de novembro, comezando o venres 17 de novembro e ata o vindeiro domingo, 26 de novembro. Os ‘petiscos’ poden degustarse de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas.
Cada participante na ruta a modo de comensal recibirá unha papeleta coa que poderá participar no sorteo de 5 lotes de viño albariño de Adega Gran Novás, colaboradora nesta iniciativa gastronómica. Para participar no sorteo, que se celebrará o vindeiro 29 de novembro, soamente será necesario degustar un ‘petisco’ e, posteriormente, cubrir e depositar o boleto debidamente cumprimentado nas caixas de correo dispoñibles en cada un dos locais participantes.
Asistentes ao acto de presentación
Ao acto asistiron os artistas Carlos Pascual, Charo Trigo, Elena Cividanes, Teresa Dorado, Naa Martiinez, Anxo Ferreira e Mercedes Doval, cada un deles acompañado dunha das obras que se poden contemplar nos locais da ruta. Por parte dos establecementos participantes, asistiron os representantes do bar Cramoeiro, a cafetería Novo Bar, e os restaurantes O Cangrexal, Xeito e Xantar, cada un deles cunha mostra do seu ‘petisco’.
Deste xeito, apoiaron coa súa presenza o inicio desta nova iniciativa gastronómica e artística, coa que se busca dar unha maior visibilidade ao traballo que realizan os hostaleiros guardeses na promoción da gastronomía, e aos artistas locais e da nosa contorna, amosando o seu talento e a arte no noso pobo.