A oficina de turismo do concello da Guarda ampliou os seus servizos durante a época estival, abrindo unha oficina adicional de información turística no Porto da Guarda, ademais da xa existente na Praza do Reloxo. A finalidade deste reforzo foi a de garantir unha maior e mellor atención dos Ler máis
A oficina de turismo do concello da Guarda ampliou os seus servizos durante a época estival, abrindo unha oficina adicional de información turística no Porto da Guarda, ademais da xa existente na Praza do Reloxo. A finalidade deste reforzo foi a de garantir unha maior e mellor atención dos visitantes na localidade que nestes meses aumentan notablemente a súa afluencia, rexistrándose un total de 2136 persoas atendidas e 802 consultas varias na oficina turística do Porto da Guarda.
Neste ano 2018 a oficina de información turística do porto estivo en funcionamento dende o 7 de xullo, e a atención a visitantes manterase ata o vindeiro 10 de setembro, cun horario de apertura de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas, de luns a domingo ininterrompidamente.

De maneira xeral, as tarefas desenvolvidas na oficina de información turística baseáronse na atención directa ao visitante; proporcionando información turística, tanto sobre os recursos e eventos de interese da localidade, como sobre os existentes na comarca e localidades próximas.
Destacou nesta tempada estival a gran afluencia de bañistas, dato que non quedou rexistrado nas oficinas de turismo, pero que si se comprobou a pé de praia, rexistrando unha ocupación moi alta, sobre todo no mes de agosto, grazas á boa climatoloxía e á calidade dos areais fluviais e marítimos da Guarda, contando con dous distintivos de Bandeira Azul nas Praias de «Area Grande» e de «O Muíño» e un distintivo de EcoPlayas na Praia de «O Muíño».

Outro dato a resaltar foi a ampla participación nos eventos culturais que durante esta tempada estival se realizaron en diferentes espazos públicos do municipio, cunha axenda cultural moi extensa e para todas as idades nas que os eventos musicais, exposicións e festas gastronómicas tiveron un forte protagonismo.
As visitas guiadas ao Monte Santa Trega tamén congregaron nos meses de xullo e agosto a unha boa parte dos visitantes do municipio, que cada fin de semana participaron nas visitas á Citania de Santa Trega, ao Vía Crucis ou ao Museo Arqueolóxico de Santa Trega, reunindo a máis de 1400 participantes de diferentes nacionalidades.

No apartado deportivo, a Travesía a nado, o Torneo de Balonmán Praia, o Torneo de Basket ou o DepoDesafío tamén contaron cunha afluencia significativa, destacando non só o número de participantes, senón tamén ao público asistente a estes eventos.
Recentemente o concello da Guarda asinou o Convenio de Adhesión á «Rede de Oficinas de Turismo Info Rías Baixas» da Deputación de Pontevedra, coa finalidade de contar con persoal formado e profesional para unha atención turística de calidade e cun horario ampliado.
