Durante a pasada fin de semana as praias guardesas de “Area Grande” e “O Muíño”, ambas con bandeira azul, acolleron dúas actividades medioambientais destinadas ao fomento de boas prácticas nas praias do municipio. Con este fin, e en coordinación coas concellarías de Turismo e Medio Ambiente do Concello da Guarda, o sábado Ler máis
Durante a pasada fin de semana as praias guardesas de “Area Grande” e “O Muíño”, ambas con bandeira azul, acolleron dúas actividades medioambientais destinadas ao fomento de boas prácticas nas praias do municipio.
Con este fin, e en coordinación coas concellarías de Turismo e Medio Ambiente do Concello da Guarda, o sábado 8 de setembro a Praia marítima de “Area Grande” acolleu a primeira destas actividades para concienciar aos bañistas de cal é a duración real dos residuos que se verten nas nosas praias. Sorprendeu nesta xornada a alta participación, mostrando os bañistas un gran interese por esta actividade e por coñecer canto tardan en desaparecer do noso medio ambiente os diferentes elementos que alí se expuxeron.

A segunda actividade realizouse na xornada do domingo día 9 de setembro na Praia de “O Muíño”, onde a través de varios obxectos, e en modo de xogo, os participantes descubriron por exemplo canto tempo tarda en desaparecer unha botella de cristal, ou unha cabicha, entre un total de 12 produtos diferentes.
Os participantes destas dúas xornadas medioambientais víronse moi sorprendidos, por exemplo, co tempo que tarda en desaparecer unha «paxita» das que se utilizan para os refrescos, que pode tardar ata 200 anos en descompoñerse, ou unha botella de cristal, que pode tardar ata 4000 anos.

Por este motivo é necesario facer que a xente saiba os tempos que tardan en desaparecer estes residuos do noso medio ambiente, para concienciar sobre outros usos, reciclaxe, emprego de papeleiras e contedores, entre outros, para entre todos, manter as nosas praias e contribuír á mellora do noso medio ambiente. En total máis dun cento de persoas, de todas as idades, participaron nesta actividade, levándose agasallos como camisetas, accesorios, caramelos, gorras, lapis, entre outros.
