A Guarda aposta novamente por unha tradición moi arraigada na vila e convida a veciños e visitantes a gozar da elaboración das alfombras florais. Este ano a Misa terá lugar ás 19:00h na Igrexa Parroquial e a Procesión ás 20:00h co percorrido habitual. Como novidade recupérase a Ler máis
- A Guarda aposta novamente por unha tradición moi arraigada na vila e convida a veciños e visitantes a gozar da elaboración das alfombras florais.
- Este ano a Misa terá lugar ás 19:00h na Igrexa Parroquial e a Procesión ás 20:00h co percorrido habitual.
- Como novidade recupérase a alfombra de sal na Rúa da Ribeira, despois de varios anos sen realizarse.
Esta fin de semana celébrase a festa do Corpus Christi na localidade da Guarda e dende hai semanas son moitas as persoas que traballan con gran esforzo e dedicación na elaboración dos diferentes materiais que se utilizarán dende a tarde do sábado e durante toda a mañá deste domingo para a elaboración das Alfombras florais
Desta forma, os veciños da localidade traballan sen descanso, organizándose colectivamente para levar a cabo esta actividade a través da Asociación Alfombras Florais da Guarda, culminando coa creación duns 2300 metros cadrados de superficie en tapices florais que brillarán no seu máximo esplendor, dende a noite do sábado e a mañá do domingo cando remata o traballo dos centos de alfombristas nas 10 rúas que se engalanan para esta ocasión.
Existen datos antigos que amosan a importancia da celebración da Festa do Corpus na Guarda dende o século XVIII, sendo a celebración do Corpus Christi e o Santísimo Sacramento as principais festas cívico-relixiosas da vila da Guarda.
A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é actualmente a encargada de promover e manter a tradición histórica das alfombras florais de Corpus na Guarda, así como de dar a coñecer, valorar e visibilizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación en xeral da Guarda.
Dende o Concello da Guarda queremos agradecer o traballo de todas as persoas que traballan para que esta celebración continúe e que visitantes e veciños poidan gozar dela, un enorme esforzo que se ve recompensado polos espectaculares resultados unha vez realizados, sendo auténticas obras de arte en flor.
Do mesmo xeito, a Asociación Cultural Alfombras da Guarda fai un chamamento aos veciños para que participen na confección das alfombras, para manter viva unha das tradicións máis arraigadas do noso municipio.