Atlantic CultureScape A Guarda estrea a peza audiovisual ATALAIA – PIUEIRO no Centro Cultural da Guarda

9 de xuño de 2022·Por Prensa A Guarda3 minutos de lectura
Noticias Turismo

• Venres 17 de xuño ás 20.30 h no Centro Cultural da Guarda. • O sábado 18 de xuño tamén haberá unha visita guiada en colaboración coa Asociación Xuliva, Piueiro e a Asociación de Redeiras Atalaia, que partirá ás 11:30 horas dende Cetaria Agrelo. Creada por Xisela Franco, a peza Ler máis

• Venres 17 de xuño ás 20.30 h no Centro Cultural da Guarda.
• O sábado 18 de xuño tamén haberá unha visita guiada en colaboración coa Asociación Xuliva, Piueiro e a Asociación de Redeiras Atalaia, que partirá ás 11:30 horas dende Cetaria Agrelo.

Creada por Xisela Franco, a peza presentarase este venres 17 de xuño ás 20.30 horas no Centro Cultural da Guarda. Tras a presentación da creación audiovisual no Festival Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego, o pasado 23 de marzo, a autora culmina coa súa obra definitiva estreada na localidade protagonista, A Guarda.

A través da etnoloxía experimental achegámonos á cultura, os oficios, os saberes, as tradicións e as identidades marítimas de hoxe e de onte. Unha forma de dar visibilidade ao patrimonio inmaterial da localidade, de crear emocións arraigadas no territorio e na súa xente, de facer poesía e antropoloxía audiovisual… que culminará co lanzamento por primeira vez de material inédito; como as gravacións que non se utilizaron para a peza ou as do arquivo achegadas por diferentes familias veciñas do pobo.

A xornada contará coa presenza das protagonistas das Asociacións de Redeiras do Baixo Miño Atalaia e Embarcacións Tradicionais O Piueiro, que pecharán a xornada cunha tertulia aberta á participación cidadá.

A xornada é de balde ata completar aforo.

Outras actividades relacionadas co proxecto Atlantic Culture Scape: visita guiada [18 de xuño]

Para continuar co proceso creativo e colectivo vinculado ao patrimonio da vila da Guarda, desenvolvéronse dúas rutas nas que se recolle todo o patrimonio construído e sustentado polas persoas que viviron e viven na Guarda. Así, o 18 de xuño realizarase unha das rutas que será guiada pola comunidade local. O punto de partida será a Cetaria Agrelo ás 11.30 horas e o percorrido terá unha duración aproximada de dúas horas e media. Para inscricións e máis información, os interesados deberán dirixirse ao e-mail da Asociación Xuliva – Historia e Paisaxismo [xulivaguarda@gmail.com], institución local encargada da organización do evento. Esta actividade tamén é gratuíta ata completar o aforo de 45 prazas.

Ambas as actividades contan coa colaboración do Concello da Guarda, as asociacións Redeiras do Baixo Miño Atalaia, Embarcacións Tradicionais O Piueiro e Xuliva – Historia e Paisaxismo.

Sobre Atlantic Culture Scape
O proxecto Atlantic CultureScape é unha iniciativa que estuda e divulga o patrimonio inmaterial do espazo atlántico. Co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa INTERREG Espazo Atlántico, o programa promove a cooperación transnacional entre 36 rexións atlánticas de cinco estados europeos. Así, diferentes entidades e organismos de lugares como Irlanda, Gales, Cantabria, Andalucía, Portugal, […] e Galicia! Así naceu Atlantic CultureScape A Guarda, un proxecto comunitario impulsado pola Universidade de Vigo e levado a cabo grazas á colaboración das asociacións mencionadas, entre outros actores locais.
Así, tras tres anos de actividade, o proxecto remata o vindeiro mes de setembro, deixando cumpridos os seus obxectivos e un retiro de actividades de socialización e visibilización da paisaxe da vila mariñeira, a súa historia e o seu patrimonio material e inmaterial, como eixos sustentables e xeradores de economía no pobo.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese