Cinema, literatura e deporte: programación cultural para a fin de semana na Guarda

19 de outubro de 2017·Por Prensa A Guarda4 minutos de lectura
Noticias Turismo

A programación cultural e deportiva da fin de semana comezará esta noite cunha aproximación literaria á represión franquista e continuará o venres coa proxección do filme inglés «A moza danesa». O sábado poderemos realizar un percorrido por Salcidos e celebrarase a proba «Vellas glorias do ciclismo» coa participación de grandes veteranos Ler máis

A programación cultural e deportiva da fin de semana comezará esta noite cunha aproximación literaria á represión franquista e continuará o venres coa proxección do filme inglés «A moza danesa». O sábado poderemos realizar un percorrido por Salcidos e celebrarase a proba «Vellas glorias do ciclismo» coa participación de grandes veteranos da disciplina deportiva, mentres que o casco histórico da Guarda será o protagonista da ruta guiada deste domingo. 

Esta tarde presentarase na Casa dos Alonso o libro  “Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron”. No acto de presentación, que comezará ás 20:30 horas, participarán a escritora e membro de Sermos Galicia Marga Romero, o coautor do libro e especialista na represión franquista Xosé Álvarez, o autor e coordinador da obra Xoán C. Garrido, e o profesor e membro da Comisión Cidadá pola Verdade do 36 do Baixo Miño, Xosé M. Méndez.

O volume recolle un extenso estudo sobre os represores da provincia de Pontevedra, facendo especial referencia ao papel xogado polos actores do operativo represivo recollidos en diversos testemuños tanto documentais como orais.

A noite do venres teremos ocasión de gozar do mellor cinema no Centro Cultural. Alí proxectarase «A moza danesa», unha película dramática que narra a historia real dunha parella de artistas cuxa vida marital dá un xiro cando o home adopta unha aparencia feminina. Esta será unha boa oportunidade para reflexionar sobre a identidade de xénero e a ruptura dos estándares sociais respecto do  estrito binomio home-muller.

A Asociación de Mulleres Progresistas da Guarda, pola súa banda, organiza este sábado unha visita guiada pola parroquia de Salcidos. O percorrido comezará na Igrexa Parroquial ás 17:00 horas e estará dirixido polo historiador Manuel Álvarez. Da súa man coñeceremos a historia do pazo e os seus moradores, así como  dos lavadoiros públicos e outros lugares emblemáticos da parroquia.

O deporte tamén terá cabida na xornada do sábado, coa celebración da proba «Vellas glorias do ciclismo». Os participantes – entre os que se atopan Ezequiel Mosquera, Álvaro Pino, José Ángel Vidal, Oscar Pereiro, Isidro Araujo e Gustavo Otero- realizarán un circuíto urbano que partirá da Alameda ás 17:30 horas e finalizará no Monte Santa Trega.

Xa o domingo, gozar da contorna será o obxectivo principal da «andaina» organizada pola Asociación Veciñal e Cultural das Parroquias da Guarda. Ás 16:30 horas comezará unha ruta guiada polo casco histórico con saída dende o Castelo de Santa Cruz. O percorrido pasará polas murallas, a atalaia, a cetaria e outros puntos de interese do noso pobo, contando coas explicacións do funcionario de Patrimonio da Xunta de Galicia, Miguel Reboredo.

 

Exposición «Proxecto táctil»

Dende esta mañá, pódese visitar no Centro Cultural «Proxecto táctil», unha mostra composta por unha ducia de obras artísticas pensadas para ser percibidas mediante o tacto. Os visitantes poderán facer uso dun antifaz e das súas mans para coñecer as pezas escultóricas elaboradas por actuais e antigas alumnas da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.

A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 4 de novembro no horario habitual do Centro Cultural, isto é, de 10 a 13 e de 17 a 20 horas de luns a venres, e os sábados en horario de mañá.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese