Comezan as visitas teatralizadas para coñecer a historia máis recente da Guarda

13 de xullo de 2017·Por A Guarda Turismo2 minutos de lectura
Noticias Turismo

Este xoves, 13 de xullo, comeza na Guarda a programación de visitas teatralizadas que se repetirá semanalmente durante todo o verán ata o vindeiro 7 de setembro. Esta actividade pretende amosar a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado. As visitas realizadas Ler máis

Este xoves, 13 de xullo, comeza na Guarda a programación de visitas teatralizadas que se repetirá semanalmente durante todo o verán ata o vindeiro 7 de setembro.

Esta actividade pretende amosar a nosa historia e patrimonio dun xeito ameno e diferente, conxugando a técnica teatral coa divulgación do noso pasado. As visitas realizadas pola compañía OS Quinquilláns, percorrerán o casco histórico, comezando ás 21.30h. na Praza da Igrexa, para continuar o itinerario pola Praza do Reló, rúa Colón, rúa Baixo Muro, rúa José María Lomba Peña, rúa Malteses, para chegar ao Porto da Guarda.

Os actores protagonistas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez, darán vida a dous personaxes influíntes da Guarda de 1930. Nese momento, coincidindo coa celebración da chegada do primeiro guardés a Porto Rico, deciden congregar á poboación no centro da vila para gravar unha película que remitirán á sociedade guardesa en América. A través deste fío condutor, a compañía fará un intenso labor mostrando os diferentes monumentos e lugares emblemáticos do casco histórico da Guarda. Pero por se isto é pouco, o espectáculo agocha sorpresas musicais coa intervención de músicos destacados como Paco Nogales ou o dúo Barahunda.

Todos estes ingredientes fan desta actividade unha proposta diferente, divertida e que promete ser participativa. Por iso que dende o Concello da Guarda agardamos que guste tanto á poboación local como aos visitantes que se achegan nesta época. Sen máis, convocamos a asistir á poboación ao igual que se facía en 1930.

 

 

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese