A Guarda prepárase para unha nova fin de semana na que destacan a presentación do libro «Déixate de contos» e da editorial «Elefantes de Papel», unha sesión de «Contacontos ilustrado Mulleres Galegas» e o espectáculo de maxia «Do Maxín á Realidade». VENRES 18 A Biblioteca Pública Municipal da Guarda organiza 4 Ler máis
A Guarda prepárase para unha nova fin de semana na que destacan a presentación do libro «Déixate de contos» e da editorial «Elefantes de Papel», unha sesión de «Contacontos ilustrado Mulleres Galegas» e o espectáculo de maxia «Do Maxín á Realidade».
VENRES 18
A Biblioteca Pública Municipal da Guarda organiza 4 actividades para conmemorar este ano o día da Biblioteca, que se celebra cada ano o 24 de outubro.
Na primeira actividade, programada para este venres día 18 de outubro ás 18:00h, na Biblioteca Pública Municipal da Guarda, celebramos este importante día con actividades de animación á lectura durante o mes de outubro con “Contacontos ilustrado Mulleres Galegas” a cargo de Polo Correo do Vento, dunha forma divertida e participativa contan a vida de mulleres galegas: Ángeles Alvariño, Maruja Mallo, Ernestina Otero, María Victoria Moreno e Ángela Ruiz. Un contacontos indicado para nenos e nenas a partir de 3 anos e enmarcado no programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia.
Tamén na xornada deste venres ás 20:00h o Salón de actos do Centro Cultural da Guarda acolle a presentación do libro «Déixate de contos» da autoría de Berto Pirata, un libro que xa vai pola segunda edición, un libro tenro que afonda na relación entre un pai e os seus xemelgos a través de relatos onde os tres aprenderán de que vai realmente a vida.
Da mesma maneira realizarase a presentación da Editorial «Elefantes de Papel», a cargo de María Salinas e Berto Pirata, un proxecto comprometido, realizado con moita ilusión e que vén coa intención de facilitar a publicación a aquelas persoas que soñan con facelo.
SÁBADO 19
O Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda acolle este sábado ás 18:30h o espectáculo de maxia «Do Maxín á Realidade».
«Do Maxín á Realidade» é un espectáculo de maxia que nos leva a vivir unha experiencia única. A maxia é o fío condutor desta viaxe, que nos fai dubidar da realidade, das propias leis físicas que rexen no noso mundo,… entramos entón, da man do ilusionista, no mundo de “maxín”, onde todo, ou case todo é posible.
Espectáculo subvencionado a través do programa Pontegal da Deputación de Pontevedra e enmarcado nas actividades de ocio do “I Encontro de Ecoturismo & Gastronomía do Río Miño” que se celebra na Guarda e Caminha do 17 ao 19 de outubro.
DOMINGO 20
O domingo a Igrexa Parroquial da Guarda acolle ás 18:00h o “I Festival de Corais de Outono”, no que participan a Coral Polifónica da Guarda, a Coral a Torre de Maside e a Coral do Clube da Terceira Idade da Guarda, organizado polo Clube da Terceira Idade e Pensionistas da Guarda.