Continuán con gran éxito as sesións de “Teatro no Trega” con Os Quinquilláns

20 de xullo de 2021·Por Prensa A Guarda3 minutos de lectura
Noticias Turismo

📌 Informamos que debido ao protocolo Covid-19 as sesións de «Teatro no Trega» do mércores 21 e do mércores 28 quedan aprazadas. 📅 As persoas que xa estaban inscritas quedan xa axendadas para o mércores 4 de agosto. • As visitas teñen lugar, previa inscrición en centrocultural@aguarda.es, todos os mércores de xullo e agosto. • Ler máis

📌 Informamos que debido ao protocolo Covid-19 as sesións de «Teatro no Trega» do mércores 21 e do mércores 28 quedan aprazadas.

📅 As persoas que xa estaban inscritas quedan xa axendadas para o mércores 4 de agosto.

• As visitas teñen lugar, previa inscrición en centrocultural@aguarda.es, todos os mércores de xullo e agosto.
• Hai dous pases, ás 18:30h e ás 20:00h con saída dende a chaira da Casa Forestal do Monte Santa Trega.

O Concello da Guarda continúa coa experiencia con Os Quinquilláns logo do éxito acadado en pasadas edicións, ofertando nos meses de xullo e agosto de 2021 “Teatro no Trega”, a cargo da compañía Os Quinquilláns, as primeiras sesións foron un éxito e este mércores día 21 terá lugar a terceira sesión.
Nesta edición realizarase a actividade no sector de Mergelina do Castro de Santa Trega con dous pases, ás 18:30h e ás 20:00h, previa inscrición, dende o luns previo a cada cita, en centrocultural@aguarda.es, indicando nome completo dos asistentes e teléfono (inscrición por grupos de conviventes), o punto de encontro é a chaira da Casa Forestal do Monte Santa Trega(https://goo.gl/maps/XKP3GacQem7t9n5J9).
“A viaxe de Exeria ao Castro” é unha actividade que traslada aos asistentes á época na que o poboado castrexo de Santa Trega estaba habitado, cunha representación teatral na que a nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á súa terra, Gallaecia, chea de proxectos, entre os que está a conversión do Castro, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos. Pero o Castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante.
A presente representación está inspirada no personaxe histórico de Exeria, muller peregrina no S.IV. Sobre o ano 380 esta muller procedente dunha familia nobre do Noroeste peninsular -Gallaecia- emprendeu viaxe ata Xerusalén e a súa peregrinación quedou constatada nas cartas que enviaba a amigas e familiares. Na Idade Media estes escritos foron compilados por un monxe da Abadía de MonteCasino no Itinerarium de Egeria.
Este Itinerarium inclúe detalladas descricións da súa viaxe ata Oriente: Constantinopla, Siria, os lugares santos… entre outros lugares Éxeria visitou o martyria a Santa Tareixa en Seleúcida, sendo esta unha das primeiras referencias que vincularían o culto a Santa Tareixa -moi arraigado en Asia Menor e na parte oriental do Imperio Romano- coa Península Ibérica.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese