Esta actuación evitará a dano irreversible que suporía, previsiblemente neste próximo inverno, a inundación da “cova da areeira”, a depresión que se atopa tras o punto crítico da duna que estaba a sufrir a erosión. Despois de case dous anos de xestións por parte do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e cando Ler máis
Esta actuación evitará a dano irreversible que suporía, previsiblemente neste próximo inverno, a inundación da “cova da areeira”, a depresión que se atopa tras o punto crítico da duna que estaba a sufrir a erosión.
Despois de case dous anos de xestións por parte do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, e cando a situación, no punto máis crítico da praia, facía prever que a duna non aguantaría un inverno máis, e produciríase a inundación da depresión existente tras ela; Costas do Estado acometeu unha escolleira provisional que permitirá frear a erosión do litoral mentres se traballa no proxecto definitivo de Estabilización da Marxe do Río na súa Desembocadura.
Dende o Concello da Guarda, dende o primeiro momento, observando a deterioración acelerada do litoral da Lamiña nestes últimos anos, demandouse unha actuación urxente por parte de Costas do Estado. Esta demanda contou sempre co apoio de moitas persoas, a nivel particular ou de forma colectiva, que fixeron chegar as súas queixas ao Concello, sobre todo veciños e veciñas de Camposancos.
A competencia para actuar no litoral do río Miño no seu tramo internacional, pertence a Costas do estado, que á súa vez depende da “Dirección Xeral de Sostibilidade da Costa e do Mar” que está integrada no “Ministerio para a Transición Ecolóxica”. Dado o carácter internacional do Estuario do Miño calquera actuación debe contar co visto e prace do Ministerio de Administración Interna de Portugal, e, por pertencer á rede Natura 2000, debe ter informe favorable da “Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda”, dado que ten que cumprir co plan director da rede Natura 2000. Neste caso, por tratarse dunha actuación urxente, puntual, de pouca lonxitude e de carácter provisional non é preceptivo o estudo de avaliación ambiental segundo indica a “Lei de Avaliación Ambiental”.
Dende o Concello da Guarda coincidimos plenamente coa “Consellería de Medio Ambiente” cando expoñen no seu informe que: “é necesario realizar estudos, xestións e avaliacións ambientais a escala internacional, contemplando todo o río e as súas marxes, que permitan propor unha solución global aos problemas erosivos”. Pero, “dado que este proceso pode precisar prazos non inferiores a dous anos, parece urxente realizar unha actuación local e temporal no tramo crítico, onde a duna está máis afectada, cara a evitar o dano irreversible que suporía a inundación da depresión que existe tras ela”.
De feito as recomendacións que a “Consellería de Medio Ambiente” fai no seu informe son as que se seguiron á hora de acometer a actuación da escolleira provisional que se vén de rematar. Poñendo sempre por diante a protección da contorna para evitar danos irreversibles no ecosistema dunar. Entendemos tamén, dende o Concello da Guarda, que a solución definitiva que se propoñía para o problema de erosión no litoral galego do estuario, que está a afectar a centos de metros de praia e dunas, debe ter as garantías ambientais necesarias ás que fai mención tamén o informe da Consellería.
Na actualidade, dende o Concello, estamos á espera de que remate a redacción do proxecto definitivo de estabilización. Agardamos que este proxecto contemple a construción do dique-escollera proposto no informe técnico do CEDEX (Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas) como alternativa 5. Esta foi dende o principio a que entendíamos como solución de futuro a longo prazo que permitiría a protección e rexeneración da praia e a contorna dunar.
Foron moitas as persoas e as institucións que nos axudaron e fixeron posible acometer esta actuación antes de que os efectos da erosión fosen irreversibles. Dende o Concello da Guarda queremos agradecer a preocupación e o apoio recibido por todas elas, ben axilizando os permisos para a actuación ou colaborando na busca de financiamento. En particular queremos mencionar a colaboración directa de: o Delegado do Goberno en Galicia, a Subdelegada do Goberno en Pontevedra, o Xefe de Costas de Pontevedra, o Xefe Provincial da “Consellería de Medio Ambiente”, o Presidente da Cámara de Caminha, o Comandante Naval do Miño, o Ministro de Administración Interna de Portugal, os Deputados Socialistas do Parlamento Galego e Español e a Comisión Internacional do Río Miño. Grazas a todos.