En 2019 incrementouse nun 61% o número de peregrinos que finalizaron o “Camiño Portugués da Costa”

5 de febreiro de 2020·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

A oficina do peregrino elabora as estatísticas dos peregrinos que se achegan ás súas instalacións para conseguir a Compostela ou o diploma que acredita a peregrinación ata Santiago de Compostela. Uns datos completos e obxectivos que mostran a importancia e relevancia que ten o “Camiño Portugués da Costa”, que no ano 2018 contou Ler máis

A oficina do peregrino elabora as estatísticas dos peregrinos que se achegan ás súas instalacións para conseguir a Compostela ou o diploma que acredita a peregrinación ata Santiago de Compostela. Uns datos completos e obxectivos que mostran a importancia e relevancia que ten o “Camiño Portugués da Costa”, que no ano 2018 contou cun total de 13.841 peregrinos e no pasado ano 2019 alcanzou os 22.291 peregrinos, o que significa un incremento dun 61%.

A nivel local o albergue municipal da Guarda, situado na rúa Porto Rico, incrementou o número de pernoitas nun 38%, pasando de 3.608 peregrinos no ano 2018 a preto de 5.000 peregrinos no ano 2019, destacando o 90% de ocupación nos meses de agosto e setembro.

Dende o Concello da Guarda realizáronse varias reformas e obras de mantemento para que os peregrinos teñan un espazo confortable e coas maiores facilidades posibles, contando na actualidade cunha capacidade total de 36 prazas repartidas en dúas grandes habitacións, ademais dos baños, cociña, lavadora, etc. Está pendente de acometer nos próximos meses unha reforma integral nos baños, que permitirá adaptar esta infraestrutura con novos aseos e zonas de ducha mixtas.

Un 22% dos peregrinos que pasaron pola Guarda quedaron aloxados no albergue municipal, outros escollen os establecementos hoteleiros do municipio e tamén hai peregrinos que continúan a súa etapa para rematar no veciño Concello de Oia.

No despacho de billetes do transbordador na Guarda recóllense os datos dos peregrinos que se achegan pola oficina para selar a súa credencial, incrementándose nun 29% o número de peregrinos, 1.492 en 2018 e 1.930 ata o mes de outubro de 2019.

Todos estes datos veñen a poñer de manifesto o auxe e relevancia que ten hoxe en día o “Camiño Portugués da Costa” como ruta de peregrinación a Santiago de Compostela, unha verdadeira oportunidade a nivel turístico, comercial e hoteleiro para todo o tecido económico da vila da Guarda e a súa comarca.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese