Escolares da Guarda participaron nunha visita guiada ás escavacións das Salinas romanas

9 de decembro de 2019·Por Prensa A Guarda3 minutos de lectura
Noticias Turismo

O pasado xoves día 5 de decembro escolares da Guarda participaron nunha xornada patrimonial e medioambiental na cal os alumnos e alumnas do IES A Sangriña, HH Carmelitas e PP Somascos aproveitaron para coñecer as escavacións das Salinas do Seixal e as das Lagoas, ademais de recoller lixo sobre Ler máis

O pasado xoves día 5 de decembro escolares da Guarda participaron nunha xornada patrimonial e medioambiental na cal os alumnos e alumnas do IES A Sangriña, HH Carmelitas e PP Somascos aproveitaron para coñecer as escavacións das Salinas do Seixal e as das Lagoas, ademais de recoller lixo sobre as rochas da zona da Puntal.

O proxecto “A Guarda, Mar de Sal” permitiu a restauración e consolidación definitiva das estruturas das Salinas Romanas da Zona do Seixal na Guarda.

Esta visita guiada, contou coa presenza de Mar Cortegoso, arqueóloga que participou nas escavacións así como os técnicos de Patrimonio e Desenvolvemento Local, que explicaron aos escolares como foi o proceso para descubrir e poñer en valor este importante elemento patrimonial.

A visita estivo dividida en dúas partes: unha parte divulgativa a cargo de Mar Cortegoso, e outra máis interactiva utilizando a app da web https://www.mardesal.aguarda.es/proxecto-de-ciencia-cidada/ coa que os alumnos sacaron fotografías coas que identificar novas salinas rupestres. O proxecto de Ciencia Cidadá na Guarda, Mar de Sal, ten como obxectivo facilitar a participación da cidadanía na investigación científica da produción de sal na Antigüidade. É moi doado: mediante unha app para móbil, calquera persoa interesada pode colaborar na recollida de datos en campo, participando na prospección de novos xacementos arqueolóxicos.

A actividade permitiu tamén unha recollida de lixo por parte dos escolares pola costa entre O Seixal e A Puntal, destacando o compromiso do proxecto co Medio Ambiente e a contorna onde se levou a cabo o mesmo.

Ao rematar a actividade, cada alumno foi obsequiado cunha gorra e unha mochila de Mar de Sal.

As fotografías desta xornada pódense consultar nas redes sociais do Proxecto A Guarda, Mar de Sal: https://www.facebook.com/AGUARDAMARDESAL/

Esta actividade forma parte da segunda fase deste proxecto na que se realiza a musealización do xacemento, publícanse os resultados das investigacións iniciadas o ano pasado e convídase a diferentes segmentos da poboación a participar en actividades de divulgación.

«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se leva a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de D. Brais Currás.

O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes de sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.

O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de soster o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes de sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.

O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74.496,68€, repartidos en dúas anualidades (2018 e 2019). Proxecto GALP7-066.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese