De Muros e Vigo ata Cíes e de aí en convoi ata A Guarda, a comitiva por mar, inédita ata a data, foi gravada en vídeo pola organización como exemplo de cooperación entre as diferentes asociacións galegas que conforman Culturmar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e distintos departamentos da Ler máis
De Muros e Vigo ata Cíes e de aí en convoy ata A Guarda, a comitiva polo mar, inédita ata a data, foi gravada en vídeo pola organización como exemplo de cooperación entre as diferentes asociacións galegas que conforman Culturmar, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e distintos departamentos da Xunta de Galicia. A travesía contou cunhas condicións climatolóxicas nas que predominou a néboa, que non conseguiu deslucir a beleza da singradura.
A viaxe marítima, de preto de seis horas de duración, congregou a bordo das embarcacións a un total de 120 persoas e contou cun escolta de excepción: o remolcador Sebastián Ocampo, da Consellería do Mar. En total foron 22 millas, navegando a velocidade reducida e cunha grata sorpresa á altura de Oia, xa que alí lles esperaban numerosos barcos da Guarda, que lles acompañaron no último tramo da viaxe.
E mentres isto acontecía no mar, na Guarda veciños e visitantes seguían con expectación o percorrido do volanteiro construído por Piueiro dende o estaleiro O Pasaxe ata o porto guardés. No traslado investíronse nove horas e foi necesario un dispositivo de máis de 20 persoas, tres guindastres, un tráiler, dous elevadores e a colaboración do Concello para conseguir que esta embarcación tradicional, que se cría perdida, volvese á vida da man da asociación guardesa, en colaboración con numerosas empresas e particulares que coas súas achegas contribuíron a esta construción.
A embarcación construíuse seguindo planos antigos xa que se teñen referencias da mesma dende o século XVII, aínda que posteriormente, no século XX, co auxe dos arrastreiros deixouse de construír. Dende hoxe na Guarda contan cunha que, malia que non poderá participar na exhibición porque falta culminar o proceso de «calafatear», é dicir, pechar as xuntas de madeira con pez, estará presidindo a celebración.
«Aínda que nos dá moita pena, por tres días non imos sacrificar décadas de vida do barco», sinalou o presidente de Piueiro, Joaquín Cadilla, ao respecto.
Música en directo, obradoiros e saídas en barco
A exhibición das embarcacións tradicionais de Galicia, xunto con algunhas doutras localidades españolas e incluso algunha irlandesa, forma parte dun amplo programa de actividades culturais e lúdicas, organizado con motivo do Encontro por Culturmar, a Asociación Piueiro, o Instituto de Estudos Miñoranos e o Concello da Guarda, co patrocinio da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, a través das consellerías de Mar, Medio Ambiente e Cultura e Turismo.
Concertos, obradoiros, exposicións, exhibicións gastronómicas e navegacións a bordo destes barcos conforman a atractiva oferta da celebración que terá lugar na Guarda dende o día 11 ata o 14 de xullo.
