Esta fin de semana chega unha cita de gran tradición na Guarda, as alfombras florais da Festa do Santísimo

31 de maio de 2024·Por A Guarda Turismo2 minutos de lectura
Noticias Turismo

Dende hai unhas semanas veciños da Guarda están a traballar nos preparativos das alfombras florais, recollendo os materiais vexetais e flores e picando grandes cantidades que van acumulando en caixas. Comezarán coa elaboración das alfombras florais este sábado pola noite e continuarán durante a madrugada. Os veciños están agrupados por Ler máis

Dende hai unhas semanas veciños da Guarda están a traballar nos preparativos das alfombras florais, recollendo os materiais vexetais e flores e picando grandes cantidades que van acumulando en caixas. Comezarán coa elaboración das alfombras florais este sábado pola noite e continuarán durante a madrugada.

Os veciños están agrupados por tramos de rúas e as diferentes xeracións das familias traballan para continuar con esta tradición. A noite do sábado é moi especial para os nenos que se esforzan colocando os perfís dos debuxos ou colocando pétalos e flores con moita paciencia. É importante que os menores participen na elaboración para que deste xeito a tradición continúe. Hai uns anos as responsables de cada tramo organizáronse e crearon a Asociación Cultural Alfombras da Guarda para pór en valor esta tradicional festa.

A medida que avance a noite os deseños secretos de cada tramo de alfombras iranse desvelando. Dende a mañá do domingo poderase contemplar as alfombras decorativas rematadas incluída a alfombra de sal tingida de cores, que dende hai décadas sorprende co detalle dos seus deseños.

A praza do Reló, as rúas Oliva e Hernán Cortes, Praza de Jose María Lomba, rúa Malteses e Concepción Arenal é o percorrido das alfombras florais. Ás 18:00 celébrase Misa en honra ao Santísimo na Igrexa Parroquial de Santa María, e dende alí sae a Procesión, momento de especial emoción para todos os integrantes da Asociación e veciños da Guarda.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese