Este sábado 15 de xuño terá lugar o escape room de Eureka Reto Rural para mergullarse na esencia mariñeira da Guarda

11 de xuño de 2024·Por A Guarda Turismo4 minutos de lectura
Noticias Turismo

Aventura, historia e cultura mestúranse para mergullarse no pasado mariñeiro da Guarda nun novo desafío de ‘Eureka Reto Rural’, unha iniciativa posta en marcha por EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través de xogos de escapismo temáticos ao aire libre, de forma dixital e para todos Ler máis

Aventura, historia e cultura mestúranse para mergullarse no pasado mariñeiro da Guarda nun novo desafío de ‘Eureka Reto Rural’, unha iniciativa posta en marcha por EuRural e o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño a través de xogos de escapismo temáticos ao aire libre, de forma dixital e para todos os públicos. Un proxecto que permite percorrer o territorio para descubrir a riqueza dos 14 municipios do territorio dunha maneira amena, divertida e orixinal.

Este sábado 15 de xuño a Guarda acolle un novo encontro no que as persoas participantes terán a oportunidade de explorar a Casa do Pescador, un lugar emblemático que revela moitos aspectos da vida dunha vida mariñeira. A historia dos diques, fundamentais na protección do municipio; a atalaia dende onde os vixilantes protexían as costas; a importancia da xente do mar ou das cetáreas e a rica gastronomía guardesa serán outros aspectos que o público irá descobrindo durante o percorrido.

O escape room comezará ás 20.00 horas do Auditorio de San Benito nunha ruta circular de dificultade moderada e accesible. As persoas que desexen participar deberán inscribirse de forma individual a través do formulario habilitado na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño e acudir ao punto de encontro. Todas e todos os menores de 12 anos deben ir acompañados dunha persoa adulta. Ademais de poder realizarse o día da estrea, o escape room permanecerá aberto ao público durante un mes a través da web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño para que calquera persoa poida gozar da experiencia.

Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste EuRural, invita a todas as persoas a participar nestes xogos de escapismo ao aire libre, “unha oportunidade única para conectar co noso patrimonio, fomentar un turismo sostible e promover o coñecemento do noso territorio dunha forma orixinal e entretida. As persoas que participan non só viven unha emocionante aventura, senón que ao rematar levan consigo un aniño da nosa cultura e tradicións”.

Como sinala o alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, “esta iniciativa pon en valor o noso patrimonio mariñeiro mediante un xogo que permitirá aos veciños e visitantes descubrir con maior profundidade a cultura mariñeira, que é a esencia de como se formou o noso municipio. As rúas, as casas e a economía xiraron en torno ao porto”. “Esta actividade será moi interesante e divertida, percorrendo rúas e espazos do noso porto pesqueiro, polo que invitamos a todas as persoas interesadas a inscribirse para este sábado”, anima o alcalde.

O equipo que consiga superar a proba no menor tempo posible gañará unha experiencia para descubrir a paisaxe natural de Prado, en Gondomar, con cea degustación e aloxamento na Lonquexa do Gañán. Ademais, entre todas as persoas participantes deste escape room sortearase un lote de produtos de degustación do mar.

É importante lembrar será unha fin de semana chea de escape rooms no territorio. Xunto coa cita na Guarda o sábado 15, o domingo 16 de xuño temos outro encontro en Mos para descubrir os segredos da Festa da Rosa tras aprazarse a data inicial prevista con motivo da choiva. O escape room de Mos sairá ás 11.00 horas do Pazo de Mos.

As seguintes datas, municipios e temáticas dispoñibles tras a Guarda serán:
• 16 de xuño. Mos. ‘Festa da Rosa’.
• 22 de xuño. O Porriño. ‘Antonio Palacios’.
• 30 de xuño. Oia. ‘O mosteiro de Oia’.
• 6 de xullo. Gondomar. ‘O Conde no Camiño’.
• 12 de xullo. O Rosal. ‘O sector vinícola’.
• 14 de xullo. Fornelos de Montes. ‘Festa gastronómica da carne de Suído e da Chanfaina’.
• 20 de xullo. Tomiño. ‘Camiño da Nosa Señora do Norte’.
• 27 de xullo. Pazos de Borbén. ‘A emigración: as casas indianas’.
• 14 de agosto. Soutomaior. ‘María Vinyals’.
• 20 de setembro. Redondela. ‘A historia da nosa vila’.

Toda a información pormenorizada das actividades, con horario e puntos de encontro están dispoñibles na web do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese