A pesar dos esforzos e do compromiso para ofrecer un servizo esencial, como é unha atención axeitada nas dúas praias de referencia da nosa vila, non foi posible contratar socorristas para a prevención e vixilancia nas praias. A Xunta de Galicia regulou en 2012 mediante Decreto a formación mínima dos socorristas Ler máis
A pesar dos esforzos e do compromiso para ofrecer un servizo esencial, como é unha atención adecuada nas dúas praias de referencia da nosa vila, non foi posible contratar socorristas para a prevención e vixilancia nas praias.
A Xunta de Galicia regulou en 2012 mediante Decreto a formación mínima dos socorristas acuáticos e creou o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia. En 2017 modificouse ese decreto aumentando as dificultades dos concellos galegos para conseguir os socorristas habilitados necesarios para atender as praias.
O Concello da Guarda tivo dificultades para cubrir o cadro de socorristas necesarios no verán pasado e cos catro contratados atendeuse a praia do Muíño de luns a domingo e a praia da Area Grande as fins de semana.
En novembro de 2021 a Xunta publicou un novo decreto que regula as condicións para o exercicio profesional das actividades de socorrismo acuático e aqueles socorristas que non actualizaron a súa formación perderon esa habilitación para exercer como profesionais.
No mes de febreiro o Concello da Guarda valorou o orzamento presentado pola Axencia Galega de Seguridade Pública para realizar un curso de adaptación que puidese habilitar novamente a estes socorristas que foron excluídos do rexistro profesional. Finalmente non se puido lanzar o curso debido a falta de equipamentos e instalacións esixidas polo novo decreto. Contactouse cos concellos veciños para poder realizar esta formación nas súas instalacións, non sendo posible. Ademais a realización deste curso non aseguraba dispoñer a tempo dos socorristas habilitados para este verán.
Tamén en febreiro, como nos anos anteriores, solicitouse a subvención da Xunta para a contratación de socorristas e volveuse solicitar os 6 socorristas. Unha vez comunicada a concesión desta subvención, tramitouse o proceso de selección de persoal a través do servizo de emprego SEPE de Tui. Como non houbo aspirantes publicáronse varias notas de prensa para informar do proceso de contratación e desta maneira, fíxose pública a necesidade de contratación de socorristas para completar o cadro do servizo de socorrismo con patrón da embarcación para a praia do Muíño.
A 30 de xuño comunicouse á Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) a renuncia expresa ás dúas Bandeiras Azuis ante a imposibilidade de dispoñer do servizo de socorrismo activado con data do 1 de xullo. ADEAC trasladou ao Concello da Guarda a ampliación do prazo ata o 10 de xullo para izar bandeira e, inclusive, suavizou o requisito de dous socorristas por praia. Esta entidade xestora das Bandeiras Azuis é coñecedora das dificultades dos concellos galegos para contratar socorristas polo que este verán permitiu dispoñer dun socorrista e un auxiliar de información por praia.
Durante estas semanas realizáronse diferentes xestións e consultas coa AGASP, empresas de servizos, outros concellos, … para conseguir contratar a socorristas e auxiliares que permitisen dar un mínimo de atención nestas dúas praias. Pero ningunha destas alternativas consultadas permitiu conseguir persoal formado e acreditado.
Polo que se continuará cos contactos coa Xunta de Galicia para trasladar a preocupación por non dispoñer neste verán de servizo de socorrismo nas praias do Muíño e da Area Grande.