Boa acollida na primeira fin de semana da Ruta Gastronómica Tapearte con máis de 1.500 tapas servidas entre os 16 bares e restaurantes participantes. Ao longo da pasada fin de semana, coincidindo co Día das Letras Galegas, a vila da Guarda acolleu numerosas actividades como desfiles e festivais, a Ler máis
Boa acollida na primeira fin de semana da Ruta Gastronómica Tapearte con máis de 1.500 tapas servidas entre os 16 bares e restaurantes participantes.
Ao longo da pasada fin de semana, coincidindo co Día das Letras Galegas, a vila da Guarda acolleu numerosas actividades como desfiles e festivais, a «Festa das Letras», a celebración do Día Internacional dos Museos, Visitas guiadas ao Monte Santa Trega, entre outras propostas que motivaron que moitos veciños e visitantes aproveitasen para degustar esta oferta gastronómica.
A ruta, que estará en funcionamento ata o vindeiro 2 de xuño, pódese realizar os venres, sábados e domingos en horario de 12:00h a 14:00h e de 19:00h a 22:00h, con tapas a un prezo simbólico de 2€ e con premios directos e sorteo de agasallos para os participantes.
Ao igual que en anteriores edicións os participantes poderán valorar as tapas cos pasaportes dispoñibles en cada local, con puntuacións de 1 a 6 puntos, que permitirán, ao rematar a ruta, establecer o gañador do Concurso da Mellor Tapa 2019. Tamén se premiará ao establecemento que sirva o maior número de tapas.
Como nas anteriores edicións os participantes da ruta optarán a premios. Haberá un premio directo para aqueles que entreguen o seu pasaporte cun mínimo de 13 selos. Neste caso o agasallo é un lote de dúas botellas de Forte de San Lourenzo de Licor Café e Crema de Oruxo. Ademais haberá un sorteo dun móbil Samsung A40 para aqueles pasaportes cun mínimo de 6 selos que se depositen nas urnas de cada local e tamén na Oficina de Turismo.
Nesta edición participan o Art Café coa tapa «Xorzart», o Bitadorna coa tapa «Crunch negro con mix mariño, vexetais en texturas e xeado», o Camping Santa Tecla coa tapa «Tournedo Rossini», o Celtic coa tapa «Chocos con arroz na súa tinta», a Pizzería Di Marco coa tapa «Carpaccio de polbo á feira», a Tapería O Paseo coa tapa «O Paseo», O Perro Verde coa tapa «Arepa rechea», o Enxebre coa tapa «Pelotiñas enxebre», o Gaviota coa tapa «Bacalau ao pisto de morena», A Botica coa tapa «Sabores afumados», A Casilla coa tapa «Delicia Galega», Marbella coa tapa «Empanada da horta», Novo Funil coa tapa «Cazola de Xabarín», Xantar coa tapa «Crunk», Xeito coa tapa «Espetada mariñeira» e E a Lúa? Coa tapa «Impórtame un pemento».