Máis dunha vintena de persoas participaron nunha nova visita guiada ás Salinas romanas da Guarda

19 de agosto de 2019·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

O pasado sábado día 17 de agosto realizouse a última visita guiada ás escavacións das Salinas do Seixal do calendario 2019, que baixo a coordinación de Anabam, realizáronse de forma gratuíta ao longo deste ano. Un grupo de máis de 20 persoas participou o pasado sábado nesta Ler máis

O pasado sábado día 17 de agosto realizouse a última visita guiada ás escavacións das Salinas do Seixal do calendario 2019, que baixo a coordinación de Anabam, realizáronse de forma gratuíta ao longo deste ano.

Un grupo de máis de 20 persoas participou o pasado sábado nesta actividade guiada por Agustín Ferreira, de Anabam, saíndo dende o Porto da Guarda, cun percorrido aproximado de 2 horas utilizando a senda litoral.

Dende o Concello da Guarda quérese agradecer a dedicación e entusiasmo amosado polo numeroso equipo de arqueólogos e alumnos en prácticas de diversas universidades de Coimbra, Vigo e Santiago que fixeron posible que, nun curto espazo de tempo, A Guarda poida coñecer un pouco mellor o seu pasado romano.

«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do “Seixal” e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda e, que se levará a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de D. Brais Currás.

O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes de sal da Guarda como ben patrimonial concibindo como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.

O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de soster o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso da paisaxe do sal e a súa posta en valor permitiu crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese