Esta tarde comezaremos a dar a benvida á fin de semana con música e cultura, celebrando o vixésimo aniversario da creación da asociación Avelaíña e o inicio das «Barferencias de Inverno 2017/2018». A asociación guardesa de axuda a persoas con enfermidades mentais conmemorará as súas dúas décadas de vida cunha festa aberta á Ler máis
Esta tarde comezaremos a dar a benvida á fin de semana con música e cultura, celebrando o vixésimo aniversario da creación da asociación Avelaíña e o inicio das «Barferencias de Inverno 2017/2018».
A asociación guardesa de axuda a persoas con enfermidades mentais conmemorará as súas dúas décadas de vida cunha festa aberta ao público na Alameda, onde actuarán os grupos Perseide e ‘Qué Panorama’ de Avelaíña, ademais do DJ Aser. A festa de aniversario comezará ás 17:00 horas e agasallará aos asistentes cun chocolate quente gratuíto.
Xa ao anoitecer, poderemos gozar da nova tempada de charlas informais polos bares do noso pobo. A primeira «barferencia» terá lugar no local Arruaz ás 20:30 horas, co Pai Baltasar Merino como protagonista. O presidente de OR.PA.GU, Joaquín Cadilla, será o encargado de guiar a charla sobre o botánico e meteorólogo xesuíta cuxo centenario de defunción se conmemora este 2017, centrándose no seu libro «Estudio sobre las Borrascas de la Costa Occidental de Galicia (1893)».
A Comunidade de Montes de Camposancos celebra este sábado, pola súa banda, unha nova sesión de «Música e palabras» na Casa Cultural da parroquia guardesa. Esta é unha actividade na que todas aquelas persoas que o desexen poderán participar coa lectura dun texto -clásico ou propio-, tocando un instrumento ou, simplemente, asistindo como público da xornada cultural.
Mañá será tamén o último día para experimentar a mostra «Proxecto táctil» no Centro Cultural. Para percorrer esta exposición invítase aos participantes a facer uso de antollos para percibir as pezas unicamente coas súas mans. Ao ter que ‘ver’ sen facer uso do sentido da vista, pódese experimentar a forma en que as persoas cegas perciben os obxectos. A exposición permanecerá aberta no horario habitual do Centro Cultural, isto é, de 10 a 13 h e de 17 a 20 h de luns a venres, e os sábados en horario de mañá.
A fin de semana terá tamén un carácter solidario no noso pobo coas actividades organizadas pola asociación Conrazones de axuda a familias e persoas en situación de extrema necesidade. Mañá a partir das 17:00 horas a entidade celebrará unha xornada de portas abertas e un magosto amenizado polo grupo O Trebón dos Xidos na escola de Sete Camiños. O domingo, a Alameda acollerá un mercado solidario a prol dos usuarios da asociación, a partir das 10:00 horas