Novas saídas do Piueiro durante este verán

12 de xullo de 2024·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

O Concello da Guarda colabora un ano máis coa Asociación Piueiro e durante os meses de verán ofrecerán saídas gratuítas de navegación pola costa co Volanteiro Piueiro. A Oficina de Turismo da Guarda (Praza do Reló) xestionará as reservas das saídas a partir do sábado anterior ás saídas Ler máis

O Concello da Guarda colabora un ano máis coa Asociación Piueiro e durante os meses de verán ofrecerán saídas gratuítas de navegación pola costa co Volanteiro Piueiro.

A Oficina de Turismo da Guarda (Praza do Reló) xestionará as reservas das saídas a partir do sábado anterior ás saídas da semana seguinte. As reservas poderanse realizar presencialmente (que terán prioridade) ou chamando ao 986 61 45 46 en horario da oficina, que está aberta de martes a sábado, e atendida pola informadora turística contratada grazas á subvención da Deputación de Pontevedra para persoal de atención e información nas Oficinas de Turismo da Rede Info Rías Baixas.

Debido ao número reducido de prazas dispoñibles unha persoa poderá inscribir a un total de catro, agás as unidades familiares. A idade mínima para participar é de 10 anos.

Lembrar que é preciso estar 15 minutos antes da saída no peirao do porto (escaleiras do peirao alto) e a saída terá unha duración aproximada de 45 minutos. Os horarios previstos das saídas diarias son 16:30h, 17:30 e 18:30h e das datas previstas segundo semana son:

Xullo:
• Luns 15 e xoves 18
• Martes 30

Agosto:
• Venres 2
• Mércores 14 e sábado 17
• Martes 20 e venres 23
• Martes 27 e sábado 31

Setembro:
• Martes 3
• Luns 9 e mércores 11

Estas saídas de navegación comezaron a pasada fin de semana coincidindo coa Festa da Lagosta e da Cociña Mariñeira e continuarán esta fin de semana con motivo da Rosegha, reunión mariñeira organizada pola propia Asociación Piueiro. Durante este verán esta asociación compaxinará as saídas de navegación coa participación noutros eventos difundindo a nosa cultura mariñeira.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese