O Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha continúan ofertando actividades deportivas conxuntas cun novo calendario de andainas para este ano 2019, no que se inclúen un total de 5 andainas e, como nas edicións anteriores, os percorridos serán en Galicia e Portugal. As andainas terán inicio o sábado Ler máis
O Concello da Guarda e a Cámara Municipal de Caminha continúan ofertando actividades deportivas conxuntas cun novo calendario de andainas para este ano 2019, no que se inclúen un total de 5 andainas e, como nas edicións anteriores, os percorridos serán en Galicia e Portugal.
As andainas terán inicio o sábado 23 de febreiro cun percorrido pola Ecopista da marxe do Río Miño entre Vila Nova de Cerveira e Valença do Minho, seguida dunha ruta polo Camiño do Tea o sábado 9 de marzo, a ruta de Peneda a Sistelo o sábado 6 de abril, a ruta “da Pedra e da Auga” e do Río San Martiño o martes 1 de Maio e rematarán coa ruta do Camiño do Miradoiro de Matacás o sábado 1 de xuño.
Dende o vindeiro luns día 4 de febreiro e ata o venres 8 de febreiro ábrese o prazo de inscricións para esta actividade. Os interesados deben inscribirse na Oficina de Turismo situada no Concello antigo, poden chamar ao teléfono 986 61 45 46 ou mediante mail turismo@aguarda.es.
As prazas son limitadas porque se utiliza un autocar para o traslado dos participantes.
Terán prioridade aquelas persoas que asistan ás 5 andainas.
Calendario 2019 de Andainas
ANDAINA 1.- SÁBADO, 23 DE FEBREIRO: ECOPISTA VILA NOVA DE CERVEIRA – VALENÇA
Distancia: 16 km – D
Saída: 8.30 h. dende a chaira da Guarda
Hora aproximada de chegada A Guarda: 15.00 h.
Prezo: gratuíta
Descrición: Para comezar esta nova edición das Andainas da Guarda de forma suave, realizaremos un percorrido doado polo tramo da ecopista que transcorre entre as localidades veciñas de Vila Nova de Cerveira e Valença do Minho pola marxe portuguesa do Río Miño. A andaina iniciarase no “Parque do Castelinho” e finalizará na Fortaleza de Valença do Minho, onde nos recollerá o autobús.
ANDAINA 2.- SÁBADO, 9 DE MARZO: CAMIÑO DO TEA (PONTEAREAS- MONDARIZ BALNEARIO)
Distancia: 13 km
Saída: 8.30 h. dende a chaira da Guarda
Hora aproximada de chegada A Guarda: 16.00 h
Prezo: 10 €
Descrición: Iniciaremos o percorrido en Ponteareas, nas proximidades da praia do Freixo e seguiremos o sendeiro sinalizado do río Tea que transcorre pola marxe dereita do río ata Mondariz. Ademais da típica vexetación de ribeira, poderemos contemplar fermosas praias fluviais, muíños e maxestosos cruceiros antes de rematar no afamado balneario de Mondariz. O concello máis pequeno de Galicia ben merece dedicarlle unha visita e algún paseo antes de volver no autobús para casa.
ANDAINA 3.- SÁBADO, 6 DE ABRIL: RUTA DA PENEDA A SISTELO (PORTUGAL)
Distancia: 20 km
Saída: 8.30 h. dende a chaira da Guarda
Hora aproximada de chegada A Guarda: 18.00 h.
Prezo: 10 €
Ruta guiada por Ignacio
Descrición: A ruta comeza no santuario de “Nossa Senhora da Peneda”, un dos máis afamados do Norte de Portugal. Dende alí ascendemos ata a zona dun lago glaciar e superada esta primeira dificultade a ruta diríxese en lixeiro descenso cara a Sistelo, o pequeno Tíbet, que xa visitamos noutras ocasións. A paisaxe da Serra da Peneda coas súas “brandas” (Pardelhas, Furado Aveleira), de Bouça dos Homens, as aldeas de Padrao e Porta Cova, acompañaranos durante a nosa viaxe ata divisar os típicos socalcos característicos de Sistelo, o Pequeno Tíbet enclavado no corazón de Portugal.
ANDAINA 4.- MARTES, 1 DE MAIO: PR-G171 RUTA DA PEDRA E DA AUGA E DO RÍO SAN MARTIÑO (MEIS)
Distancia: 20 km
Saída: 8.00 h. dende a chaira da Guarda
Hora aproximada de chegada A Guarda: 19.00 h.
Prezo:
Descrición: Comeza e remata a ruta no mosteiro cisterciense de Armenteira. A andaina está composta en realidade de dúas rutas. A de “A Pedra e da Auga” con numerosos muíños restaurados salpicados polas marxes do río Armenteira. Nos arredores de Barrantes iniciamos a ruta polo río San Martiño que nos permitirá contemplar interesantes igrexas románicas (San Martiño e San Salvador de Meis) e espléndidos paisaxes da ría de Arousa.
ANDAINA 5.- SÁBADO, 1 DE XUÑO: CAMIÑO DO MIRADOIRO DE MATACÁS (CASTRO CALDELAS – OURENSE)
Distancia: 16,5 km
Saída: 9.00 h. dende a chaira da Guarda
Hora aproximada de chegada A Guarda: 20.00 h.
Prezo:
Descrición: É a andaina de maior esixencia física das realizadas neste ano polo desnivel acumulado de subida de 1.141 m. Trátase dunha ruta homologada no 2018 (PR-G 237) na Ribeira Sacra de Ourense, no Concello de Castro Caldelas. No percorrido poderemos contemplar viñedos, castiñais e sobreiras centenarias así como a espectacular panorámica sobre o Canón do Sil dende as “Penas de Matacás”.