A programación cultural de cara á fin de semana comezará mañá con música e cinema familiar, dando paso a uns últimos días do ano cargados de plans para todos os públicos, con teatro, xogos acuáticos e a visita da Apalpadora. Mañá, 28 de decembro, continuará «Música na rúa» coa actuación de A Bolleira a Ler máis
A programación cultural de cara á fin de semana comezará mañá con música e cinema familiar, dando paso a uns últimos días do ano cargados de plans para todos os públicos, con teatro, xogos acuáticos e a visita da Apalpadora.
Mañá, 28 de decembro, continuará «Música na rúa» coa actuación de A Bolleira a partir das 11:00 horas. O grupo de gaitas percorrerá o pobo amenizando a mañá aos guadeses e guardesas e introducíndoos no ambiente festivo propio destas datas. Paralelamente, todas aquelas persoas que se acheguen ata a Praza de Abastos poderán gozar dun chocolate quente gratuíto.
Xa pola tarde, os máis pequenos da casa e as súas familias terán unha cita co mellor cinema de animación no Centro Cultural. A programación do ciclo «Cinema de Nadal» comezará mañá ás 17:30 horas coa proxección de «Vaiana», unha divertida película que narra a historia dunha nena que desexa navegar polo océano e coñecer mundo. A entrada será gratuíta e libre ata completar as prazas dispoñibles.
O venres, 29 de decembro, o Centro Cultural acollerá a obra de teatro «Cranios privilexiados… ou crítica da razón perralleira», dirixida ao público adulto. Os asistentes poderán asistir, a partir das 21:00 horas, ao novo espectáculo cómico do dúo Mofa e Befa, no que a filosofía será a gran protagonista. A entrada será gratuíta e o billete poderá recollerse no Centro Cultural ou o departamento de Cultura do Concello da Guarda.
Xa o sábado, pequenos e maiores poderán achegarse ata a Piscina Municipal para despedir o ano na auga. O «Chapuzón de Nadal» comezará ás 11:00 horas e contará cun gran inchable acuático no interior da piscina. Esta actividade é gratuíta e non precisa inscrición previa.
A música polas rúas guardesas volverá o sábado coa Charanga Cantos Somos a partir das 11:00 horas percorrendo distintos puntos do pobo. Xa pola tarde, a Apalpadora virá á Guarda para falar coas nenas e nenos e entregarlles landras para plantar nos nosos montes. A cita será ás 19:00 horas na Casa dos Alonso.