A Cámara Municipal de Caminha e o Concello da Guarda dan a coñecer o calendario de 'andainas' organizadas conxuntamente polas institucións locais para este ano. A nova programación inclúe 8 rutas a realizar entre marzo e novembro, co obxectivo de dar a coñecer a paisaxe e o patrimonio da comunidade galega Ler máis
A Cámara Municipal de Caminha e o Concello da Guarda dan a coñecer o calendario de andainas organizadas conxuntamente polas institucións locais para este ano. A nova programación inclúe 8 rutas a realizar entre marzo e novembro, co obxectivo de dar a coñecer a paisaxe e o patrimonio da comunidade galega e do país veciño.
A primeira andaina, programada para o 10 de marzo, seguirá a coñecida como 'Ruta máxica de Oia', cun percorrido de 18 km. O 14 de abril celebrarase a segunda saída, na que os participantes poderán realizar unha ruta polas pasarelas do río Vez, en Sistelo, con 20 km de percorrido.
A terceira andaina será tamén en Portugal, o 1 de maio. Nesta ocasión, realizarase a ruta do Val de Ancora en Camiña, cun percorrido de 15 km. O 9 de xuño retornarase a Galicia para realizar a ruta das Fragas do Eume (16 km) e, xa o 28 de agosto, volverase a realizar a visita á Romaría de Sao Joâo d'Arga, en Caminha (22 km).
A ruta de Cova Moura (Monçao) será a sexta andaina deste novo calendario, con 20 km de percorrido a realizar o 15 de setembro; e, para pechar o ano, realizarase unha andaina de 15 km polo Monumento Natural de Pena Corneira (o 20 de outubro) e unha ruta de 18 km polos Muíños do Folón e do Picón, o 10 de novembro.
O prazo de inscrición das andainas programadas entre marzo e xuño comezará o vindeiro luns 26 de febreiro e rematará o 1 de marzo. Terán prioridade aquelas persoas que se inscriban en todas as actividades deste primeiro semestre do ano. As persoas interesadas poderán inscribirse presencialmente na Oficina de Turismo do Concello da Guarda, chamando ao teléfono 986 614 546, ou ben a través do correo electrónico turismo@aguarda.es.
