O Concello da Guarda segue apostando por impulsar e dar o valor que merece ao tramo do Camiño que conta cun gran potencial, e deseña unha imaxe propia na que se representa o noso mar, o Monte Santa Trega e, por suposto, a vieira do camiño na súa vertente máis antiga. Porque Ler máis
O Concello da Guarda segue apostando por impulsar e dar o valor que merece ao tramo do Camiño que conta cun gran potencial, e deseña unha imaxe propia na que se representa o noso mar, o Monte Santa Trega e, por suposto, a vieira do camiño na súa vertente máis antiga. Porque ademais de beleza o Camiño Portugués da Costa ten moita historia.

O Camiño Portugués da Costa comeza na cidade de Porto (Portugal), percorre a costa norte portuguesa, cruza en Caminha o río Miño cara a Galicia por A Guarda ata Redondela, onde enlaza co Camiño Portugués.
Nos anos 2000 encárgase un estudo sobre a fundamentación histórica deste camiño, para acabar sendo recoñecido en 2009 polo Parlamento de Galicia. En 2011 inaugúrase o Albergue municipal e, finalmente en 2016 consegue a súa oficialidade coa publicación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.
Dende o 2016, ano no que a Oficina do Peregrino en Santiago comeza a contabilizar o número de persoas que realizan este camiño, e ata o ano no que se desencadeou a pandemia, o crecemento de paso de peregrinos/as por este Camiño foi exponencial.
En 2016 pasaron polo noso camiño 2.600 peregrinos/as, en 2017 foron 7.329, en 2018 un total de 13.841 e en 2019 xa contamos con 22.291. Con estes datos queremos destacar a importancia deste recurso co que contamos no noso municipio, que xa demostrou ser un auténtico revulsivo económico que permite a un pobo costeiro como o noso axudar a desestacionalizar a chegada de visitantes e polo tanto a mellorar a economía.
Lembremos que os peregrinos e peregrinas compran no comercio local, consumen na hostalaría, gastan no sector servizos e pernoctan nos albergues e establecementos hoteleiros.
Por todas estas razóns consideramos que todas as administracións debemos poñer todos os recursos posibles para seguir coidando e promovendo este Camiño, tan importante para A Guarda, como para para todos os municipios polos que pasa e para os que o Camiño é vida, é economía, é promoción, etc.
Pero lamentablemente non todas as administracións estamos a unha, concretamente Portos de Galicia continúa facendo oídos xordos ás nosas peticións e confirmou hai uns días que a plataforma de amarre do ferry que comunica Caminha con A Guarda non estará arranxada para o paso de vehículos nin sequera para o verán. Polo que é bastante probable que o ferry siga sen funcionar durante máis tempo, porque entendemos que nesta modalidade e sen o transporte de vehículos a motor, non lles resulte rendible poñelo en funcionamento.
Unido a isto hai unhas semanas puidemos ler as declaracións da Xunta de Galicia felicitando a Portugal por recoñecer unha variante do Camiño Portugués da Costa que xa non cruza en A Guarda, senón que prosegue por Portugal pola beira do río (nin sequera pola costa) ata cruzar en Tui.
Polo que teremos que agradecer á Xunta de Galicia que este verán teñamos a centos de peregrinos/as confundidos/as da ruta que deben seguir no Camiño Portugués da Costa, de que algúns opten por seguir por Portugal e non pasar por A Guarda, e se finalmente deciden visitarnos non terán máis opcións que utilizar as lanchas portuguesas, que nin lles ofrecen horarios nin tarifas estables.
Pola nosa banda, dende A Guarda seguiremos como ata agora dando valor ao noso Camiño, e temos previstas, ademais da creación desta propia imaxe que hoxe presentamos, as seguintes actuacións:
– Organización de actividades cos centros educativos e asociacións para que coñezan e poñan en valor o noso Camiño.
– Redacción dun proxecto técnico que ten como obxectivo embelecer determinados puntos que presentan carencias a nivel estético e que actuará tanto a nivel forestal como de obra.
– Presentación no mes de maio dun documental onde aparece o tramo da Guarda.
– Colocación nun espazo singular do Camiño dunha escultura na que se está traballando dende a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, ademais instalaranse novas zonas de descanso en puntos estratéxicos, así como as figuras en madeira dunha peregrina e dun Apóstolo Santiago que serán cedidas pola Comunidade de Montes da Guarda.
– A nivel de difusión seguimos investindo en publicidade en medios de comunicación tanto a nivel autonómico como estatal.
E unido a todas estas accións inmediatas solicitouse á Xunta de Galicia unha subvención para mellorar o último tramo do camiño na Guarda, concretamente a actuación levarase a cabo nunha zona de pista forestal na que se tratará de mellorar a escorrentía de augas coa colocación de adoquín. A finalidade é beneficiar sobre todo ás persoas que realicen o camiño en bicicleta, e que se completará coa colocación de paneis para embelecer as illas ecolóxicas nas praias de Fedorento e de Area Grande.
