O Camiño Portugués da Costa sitúase no terceiro lugar

7 de novembro de 2019·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

O Camiño Portugués da Costa é, dende marzo deste ano 2019, a terceira ruta xacobea máis utilizada polos peregrinos para realizar a súa peregrinación a Santiago de Compostela despois do Camiño Francés, en primeiro lugar, e o Portugués, en segundo lugar, ocupando agora o lugar que tradicionalmente lle correspondía ao Camiño Inglés. Ler máis

O Camiño Portugués da Costa é, dende marzo deste ano 2019, a terceira ruta xacobea máis utilizada polos peregrinos para realizar a súa peregrinación a Santiago de Compostela despois do Camiño Francés, en primeiro lugar, e o Portugués, en segundo lugar, ocupando agora o lugar que tradicionalmente lle correspondía ao Camiño Inglés.

A pesar de ser a última ruta xacobea oficializada o incremento de peregrinos desta foise incrementando notablemente, destacando no Concello da Guarda un aumento nas pernoitas en hoteis e no Albergue Municipal, así como no tránsito de peregrinos que inician este camiño en Portugal, atravesando despois o Río Miño e tamén os que inician o mesmo na vila da Guarda.

O Albergue municipal, a día de hoxe xa superou os 5000 peregrinos, sendo agosto e setembro os meses de maior afluencia cunha ocupación media de 32 camas, das 36 dispoñibles. De igual xeito neses meses o resto de aloxamentos da localidade tamén tiveron unha alta ocupación de peregrinos.

Hai que ter en conta que no pasado ano 2018 a ocupación total do Albergue Municipal foi de 3600 peregrinos.

Segundo os datos estatísticos da Oficina do Peregrino do mes de setembro, os peregrinos realizan principalmente o seu traxecto a pé (máis dun 90%), seguidos polos que o realizan en bicicleta (5%) e do total de peregrinos que remataron o seu camiño en Santiago, un 8,55% empregou o Camiño Portugués da Costa.

A evolución do Camiño Portugués da Costa ten sido extraordinaria, con preto de 7329 peregrinos en 2017, 13.841 peregrinos en 2018 e 19.378 peregrinos ata o mes de setembro deste ano 2019.

O Ano Santo 2021 traerá consigo unha extensa e detallada programación que comezará máis dun ano antes de que abra a Porta Santa, o que encaixa coa vontade de levar a cabo unha celebración descentralizada, que se deixe sentir en toda Galicia.

Neste aspecto téñense posto en marcha distintas liñas de actuación como o Plan de Albergues, o Plan de Sinalización, o Plan de Mantemento ou o Plan de Embelecemento. No eido cultural, púxose en valor con máis de 110 iniciativas levadas a cabo en Pontevedra no marco do programa O teu Xacobeo, cun investimento de 1,6 millóns de euros, ou as iniciativas impulsadas na provincia dentro de proxectos como Cultura no Camiño, Camiños Sonoros ou Vive o Camiño.

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese