O comercio da Guarda estuda as oportunidades do Camiño Portugués da Costa

14 de febreiro de 2020·Por Prensa A Guarda2 minutos de lectura
Noticias Turismo

O pasado mércores día 12 de febreiro convocouse unha reunión dedicada ao comercio onde se traballou sobre o Camiño Portugués da Costa e as oportunidades de negocio en vista do seu crecemento ano a ano e a próxima celebración do Ano Xacobeo en 2021, unha reunión que estivo promovida pola Concellaría de Ler máis

O pasado mércores día 12 de febreiro convocouse unha reunión dedicada ao comercio onde se traballou sobre o Camiño Portugués da Costa e as oportunidades de negocio en vista do seu crecemento ano a ano e a próxima celebración do Ano Xacobeo en 2021, unha reunión que estivo promovida pola Concellaría de Turismo e a Concellaría de Desenvolvemento Local.

Esta reunión concibiuse como unha xornada informativa do Camiño Portugués da Costa, da súa evolución e impacto dende a aprobación parlamentaria alá polo 2009. Dende o 2010, coa apertura do albergue municipal e a pintada da sinalización, o número de peregrinos foi aumentando ano a ano. Destaca o incremento nun 70% os peregrinos aloxados no albergue dende a súa oficialización en 2016 ata o 2019.

Para dar un servizo de calidade aos peregrinos que visitan A Guarda é importante que todos os servizos, o comercio e a hostalaría coñezan as necesidades específicas dos peregrinos e trabállese dunha forma unificada.

A Oficina de Turismo na Praza do Reló ademais de atender aos peregrinos, está dispoñible para aclarar calquera dúbida como que é unha credencial, cales establecementos poden selar, onde se pode comprar a credencial, horarios do transbordador, e, en xeral, toda información que se precise a nivel turístico e técnico.

A finalidade desta reunión foi a de mellorar a atención ofertada aos peregrinos e que se estableza unha comunicación eficaz entre a Oficina de Turismo e os establecementos comerciais, para que os peregrinos poidan estar informados axeitadamente e tamén que o comercio teña en conta esta nova oportunidade comercial, cun nicho de mercado novo e con moitas posibilidades, cunhas demandas concretas e que necesita dunha atención especializada.

Unhas das accións propostas foi a posta en marcha dun boletín de información práctica para os peregrinos. Os establecementos interesados poderán incluír os servizos e atencións dirixidas aos peregrinos no mesmo. Para isto é necesario que os establecementos remitan un mail a turismo@aguarda.es ou ben que contacten no 986614546.

Outra das accións obxecto de estudo é a identificación dos establecementos que teñan unha atención específica ao peregrino mediante un distintivo visible no exterior do mesmo.

Para calquera dúbida ou consulta poden contactar no tel 986 61 45 46, por WhatsApp no 620 795 901 ou ben en turismo@aguarda.es

Planifica a túa visita á Guarda

Descubre itinerarios personalizados e todos os lugares de interese